- Tematica
Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames colaboran para organizar a programación estival “Verán en Ames 2024”, que encadea tres meses seguidos cheos de actividades e festexos. Entre as propostas destacan as festas da Madalena do Milladoiro, do 2 ao 6 de agosto, e as da Peregrina de Bertamiráns, do 7 ao 11. Ademais inclúense actividades para todos os públicos: a semifinal do concurso Canta con Ames, concertos nas parroquias, o concerto de Guadi Galego, a final do concurso Baila con Ames e maila actuación de orquestras como Panorama, París de Noia ou Los Satélites, entre outras. Premendo nesta ligazón poderse obter máis información sobre a programación.
Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por terceira vez, despois de facelo xa en 2022 e 2023, as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, en colaboración con XEA e as comisións de festas de ambas localidades. Estas festividades forman parte da programación estival municipal “Verán en Ames”, que inclúe unha ampla oferta de actividades que se estende durante tres meses, dende o xoves 4 de xullo ata o domingo 22 de setembro.
O programa foi presentado esta mañá na Ponte Maceira, nun acto no que interviron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; e mailo concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Víctor Fernández.
A concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, destacou a variedade deste programa: “É unha programación ampla á altura deste concello, feita por e para todos os públicos, onde se ofertan numerosas e variadas actividades”. Ademais, convidou á veciñanza tanto do concello como da contorna a achegarse a desfrutar do verán en Ames.
Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Víctor Fernández, sinalou que esta é “unha mostra máis da aposta cultural que ao longo de todo o ano desenvolve o concello. Vemos que lonxe de pararse no período estival, se incrementa con estas actividades”. Deste xeito, “este cartaz amosa que Ames é referente cultural tanto no inverno como no verán”.
Pechou a quenda de intervencións o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, que explicou que “nestas actividades participan practicamente todas as concellerías, o que garante a variedade e que haxa actividades para todo o mundo”. Así mesmo, sinalou que dentro da programación destacan as festas patronais das distintas parroquias: “Desde o Concello seguimos apostando por elas. Sabemos que as asociacións de veciños e de festas teñen moitas dificultades, por iso este ano puxemos en marcha subvencións en especies, onde cada parroquia ten un número de actuacións e unha partida económica para actuacións, e desde o Concello facilitamos grupos musicais locais”. Ademais, destacou que, por terceiro ano consecutivo, “unimos as festas de Bertamiráns e o Milladoiro, o que contribúe a darlle nome ao concello e a impulsar o comercio e a hostalería locais”.
Actividades en xullo
A programación comezou o pasado xoves 4 de xullo coa apertura dos “Seráns de Ames” na praia fluvial de Tapia. A encargada de dar o pregón foi a xornalista e escritora amesá Paula Señarís, que deu paso á actuación do grupo As Maianas. Continuou durante a fin de semana co festival Ames Jazz, os días 5 e 6 de xullo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta cita contou con varias actuacións musicais, un faladoiro sobre jazz e a proxección dun documental sobre este xénero. Ademais, onte 7 de xullo, deron comezo as festas patronais de Ames da man do grupo Os Retranqueiros.
As actividades continúan esta o xoves 11 de xullo, coa actuación de Sr.Salvaje no campo da festa de Biduído. Ese será o segundo concerto dos “Seráns de Ames”. Durante a fin de semana, os días 12 e 13 de xullo, terán lugar as preseleccións do concurso Canta con Ames no Milladoiro e en Bertamiráns, respectivamente. Asi mesmo, durante a noite do sábado 13, haberá unha sesión de observación nocturna do ceo no Monte de San Marcos, mentres que o domingo 14 celebrarase a XVIII Festa do Chourizo ao Viño de Ortoño.
Na semana seguinte, o concello acollerá tres xornadas centradas na danza e no movemento: o mércores 17, a bailarina Paula Quintas presentará o espectáculo “Multiperspectivas#2” no parque do Ameneiral; o xoves 18 “A vida tola de Pajarito” chegará ao campo da festa de Bugallido no Seráns de Ames; e o venres 19 o Pazo da Peregrina será a sede do Festival de Danza Abanea.
A programación de xullo rematará coa festa de Santa María Madalena (Piñeiro), co evento “Noites en Vela” en Ponte Maceira o sábado 20, e coa actuación da agrupación Os Catros o luns 22 no Milladoiro.
Actividades en agosto
Durante a primeira semana de agosto, o Milladoiro celebrará as festas da Madalena, que comezarán o venres 2 co festival Millarock, seguido da actuación de Requinta da Amaía e a orquestra Metrópolis o sábado 3, Airiños do Paseo de Colón xunto coa Banda de música de Brión e o Combo Dominicano o domingo 4, e a actuación das orquestras Panorama e Gran Parada os días 5 e 6 respectivamente.
Pola súa banda, Bertamiráns dará comezo ás festas da Peregrina o mércores 7 da man da orquestra París de Noia. O xoves 8 será a quenda da orquestra Los Satélites. Deseguido, chegarán Guadi Galego e La Banda de Ayer o venres 9, e a Requinta da Amaía e a Coral Lojo Batalla xunto con Los Coleguitas o sábado 10. As festas rematarán o día 11 coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, da Banda de música de Lousame e da orquestra Tania Veiras.
Tamén as distintas parroquias do concello celebrarán as súas festas patronais durante o mes de agosto. O sábado 3, Tapia inaugurará as súas festas patronais con Airiños do Paseo de Colón, e o Milladoiro acollerá a semifinal do concurso Canta con Ames. Ao día seguinte, o día 4, a Requinta da Amaía actuará en Tapia, e o coro Antonio Santomil chegará a Covas para celebrar a festa da Virxe do Carme. Para as súas festas, Agrón contará coa actuación de As Maianas o luns 12, mentres que Piñeiro traerá a Airiños do Paseo de Colón o día 18, e a Ameixenda contará con Banda da Balbina e Os Retranqueiros o domingo 25.
Así mesmo, dentro dos “Seráns de Ames”, o xoves 1 terá lugar na praia fluvial de Tapia a sesión de xogos “Xogos do Paporrubio” e o espectáculo de títeres “Varietés do Animalario”. Pola súa banda, o xoves 8 o campo da festa de Agrón acollerá o espectáculo de versións musicais de “A banda de Nash”, mentres que o xoves 22 Pablo Díaz e Olga Kirk actuarán na carballeira de Bugallido. Por último, este programa rematará o xoves 29 en Tapia, co monólogo de Manolo Boquete.
En canto aos concursos Canta con Ames e Baila con Ames, o domingo 11 terá lugar a final do concurso de canto, mentres que o sábado 31 será a quenda dos bailaríns do concello.
Entre tanta música tamén haberá espazo para facer exercicio e aprender. Durante este mes desenvolverase a actividade “Camiñando no solpor”: será os días 8 e 22 no Milladoiro, e o día 29 en Bertamiráns. Ademais, haberá saídas para observar o ceo nocturno os días 10, 16 e 17; e sesións de interpretación dos petroglifos de Ames no luscofusco o 24 e o 31 de agosto.
Actividades en setembro
O último mes da programación abrirase o mércores 4 de setembro co celebración da Volta ao Cole no Milladoiro, que se repetirá en Bertamiráns o venres 6. Ao día seguinte, o 7 de setembro, a praza da Maía acollerá a Feira do Voluntariado.
O sábado 14 o concello acollera a ruta “Pegadas de Rosalía”, e o sábado 21 o exterior da Casa da Cultura do Milladoiro encherase de música coa sesión de DJ Wana.
Ademais, será un mes cheo de deporte, marcado pola promoción da mobilidade sostible. Dentro da Semana Europea da Mobilidade, o venres 20 terá lugar a V Marcha Ciclista Nocturna, o sábado 21 haberá “Xogos en Bici” no Milladoiro, e o domingo 22 celebrarase unha andaina entre o Milladoiro e Bertamiráns.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "«Verán en Ames»: Tres meses de conciertos, verbenas, danza, astronomía, cultura y deporte"
El Correo Gallego: "Milladoiro y Bertamiráns unen sus fiestas en el marco del ambicioso programa estival amiense"