Solapas principales

Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”

Viernes, 14 de febrero de 2025

O Concello de Ames presentou esta mañá a cuarta edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas amesás e afincadas no noso concello. Este ano terá lugar o vindeiro venres 7 de marzo no pavillón deportivo do Milladoiro e ao longo de toda a xornada haberá diferentes conferencias, obradoiros e exposición de stands, xunto coa xa habitual entrega dos premios InnovAmes tanto a empresas innovadoras como a proxectos educativos. O obxectivo deste evento é achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación e desenvolvidas por empresas do Concello de Ames, xunto coa creación dun espazo no que compartir coñecemento e crear novos enlaces para posibles novos proxectos entre empresas.

Esta mañá presentouse no espazo de coworking A Proa do Milladoiro a IV Xornada InnovaAmes, que se desenvolverá o 7 de marzo no pavillón polideportivo do Milladoiro. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade; a representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González; e o representante de Designthinking.gal, Enrique Saavedra, ambas empresas organizadoras do evento.

Ao longo de toda a xornada do InnovAmes, desenvolveranse diferentes relatorios, mesas de debate e stands expositivos relacionados coa tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Deste xeito, preténdese crear un espazo no que reunir a empresas de Ames para coñecer e poñer en común os diferentes avances e novidades dentro de cada sector, facilitando así posibles colaboracións entre entidades.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou o InnovAmes como unha iniciativa para “dar a coñecer as empresas de Ames, xa que ás veces a propia cidadanía descoñece a propia produción do que se fai aquí e tamén para que as propias empresas que participen se coñezan entre elas e fomentar a colaboración de traballo entre as empresas”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, subliñou que “Ames está dentro dos 90 concellos de toda España que teñen a distinción de ‘Ciudad de la ciencia y la innovación, o que amosa ese compromiso do noso concello dentro do eido da innovación.” Así mesmo, tamén quixo “agradecer a todas as empresas participantes, ás Universidades e centros educativos de Ames que participan este ano, así como ás empresas que colaboran con eses premios a maiores na categoría de empresa de nova creación”.

Na mesma liña, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, agradeceu á participación dos centros educativos neste proxecto xa que “créase un espazo interesante onde non só os nenos aprenden das empresas, se non que as empresas tamén aprenden dos nenos e os seus proxectos. É moi positivo que haxa este vínculo para que os mozos e mozas fagan preguntas e se promova unha aprendizaxe activa”.

Por outro lado, o representante de Designthinking.gal, Enrique Saavedra, adiantou que “haberá un espazo de compartir ideas cunha mesa de debate sobre a importancia da sostibilidade dende o punto de vista empresarial, social e educativo” e que “tamén haberá unha charla dunha empresa referente no sector como a empresa Teimas, e que o seu fundador, Miguel Varela, compartirá as súas experiencias para axudar a empresas do concello a afrontar posibles problemas á hora de comezar unha empresa”.

A representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González, destacou que “cada ano está vinculándose máis o mundo empresarial a esta iniciativa e aproveitando as conexións entre as empresas e nótase moito na convocatoria, un ano máis o número de empresas participantes é superior á do ano pasado”.

Participantes nesta IV edición do InnovAmes
Este ano o InnovAmes contará coa presenza de varias empresas, entre ellas: Sistemius, Karbonius, Silvereira, Encesu, Placein, We Robot, Ficcion Produciones, Clun, Nanogap, Emotional Light, Codery, Impulsa Dixital, CartoGalicia, Bahía Software, Nortigalia, Biostatech, Brios.tech, Ojoalvatio, Iluminaciones Santiaguesas, Conic Vascular, Sinerxia e o Centro de Formación do Concello de Ames. Ademais, a Cadena Ser volverá a asistir á xornada para realizar un programa en directo.

Por outra banda, o espazo de Coworking A proa tamén contará con presenza nesta xornada coa participación de: Laura Iglesias (da empresa Livvdans), Paz González e Marisa Dequidt (empresa Avelaiñas), Marcos Estévez (empresa Amonte), Fátima Juncal (Recursos Humanos) e José Dieguez (Mundo Conexión). Ademais, tamén participarán as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela e os centros educativos amesáns de Agro do Muíño e Barouta.

Premios InnovAmes para empresas
Ao igual que en pasadas edicións, o Concello de Ames convoca o III Premio InnovAmes para Empresas Innovadoras, que ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor o esforzo de persoas emprendedoras e das empresas cun maior grao de innovación e potencial de crecemento en Ames. Valoraranse aspectos como o compoñente de innovación, a sostibilidade, o uso de novas tecnoloxías, a globalización do proxecto, o potencial impacto do mesmo na contorna de Ames e a propia presentación no día do InnovAmes. Pódese consultar as bases completas do premio na seguinte ligazón.

O prazo para presentar a solicitude de participación nos premios estará aberta ata o vindeiro día 20 de febreiro. Hai dúas categorías: premio InnovAmes á empresa máis innovadora ou con maior impacto social (cun premio económico de 2.000 euros) e o premio InnovAmes á empresa de nova creación con alto potencial de crecemento (cun importe de 2.500 euros).

Así mesmo, as empresas amesás La Rayuela, Redeslla Comunicación e Javier Troitiño Fotógrafo, colaborarán na categoría para a empresa de nova creación, ofrecendo de xeito gratuíto o deseño do logo da empresa, un curso de manexo redes sociais e sesión de fotografías, respectivamente.

Premios InnovAmes para proxectos educativos
Por outra banda, tamén se volverán a repartir a III Premio InnovAmes a Proxectos Educativos, no que se repartirán un total de 5.500 euros en premios entre 8 premios: un primeiro premio de 1.500 euros, un segundo premio de 1.250 euros, un terceiro premio de 1.000 euros, un cuarto de 750, un quinto de 500 euros, un sexto de 250 euros e un sétimo e oitavo de 125 euros cada un.

No caso dos premios para proxectos dos centros educativos, teranse en conta aspectos como a orixinalidade, a funcionalidade e usabilidade do proxecto, o material empregado. A documentación do proxecto, o valor didáctico e educativo do mesmo e a propia presentación o día da xornada do InnovAmes. Pódese consultar as bases completas deste premio na seguinte ligazón.

Programación da xornada
O evento dará comezo arredor das 10.00 horas, coa mesa inaugural e o percorrido de presentación polos stands das empresas e os centros educativos. Ao longo de toda a xornada realizaranse diversas charlas e mesas de debate onde se tratarán cuestións relacionadas co mundo da tecnoloxía, a innovación, o desenvolvemento sostible no eido empresarial ou oportunidades dentro das empresas locais.

Así mesmo, todas as actividades programadas para a cuarta edición do InnovAmes están dirixidas para todo o público que se queira achegar, tanto para a propia veciñanza do concello, como para profesionais do sector, como escolares dos centros educativos. Deste xeito, búscase dar a coñecer todos os avances e innovacións que se están desenvolvendo no mundo empresarial entre a veciñanza amesá de todas as idades.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego:  "A cuarta edición de InnovAmes premiará ás empresas con prácticas innovadoras"

Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”

Multimedia

  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”