Solapas principales

Preséntase a XXI Carreira pedestre popular Concello de Ames

Lunes, 17 de octubre de 2022

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da XXI Carreira pedestres popular do Concello de Ames que se vai a celebra este domingo, 23 de outubro, na localidade de Bertamiráns e na súa contorna.  Este evento deportivo volve a organizarse despois de dous anos de paro obrigado pola situación epidemiolóxica. A proba desenvolverase nun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O prazo de inscrición para participar na carreira está aberto ata o mércores 19 de outubro ás 23:59 horas, e pode realizarse tanto na páxina web www.carreirasgalegas.com como de xeito presencial, no establecemento Deportes Amesport, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e mailo técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño, participaron esta mañá no acto de presentación da XXI Carreira pedestres popular do Concello de Ames, que se vai a celebra este domingo, 23 de outubro, na localidade de Bertamiráns e na súa contorna. Por parte dos clubs deportivos de Ames estiveron en dita presentación; José Fernando Sainz García, do Club de atletismo Sar, e Jose David Garcia Arcos, do Ames Atletismo.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou “levamos xa 21 edicións celebradas neste concello, cun circuíto que gusta moito, o que xa se ve no número de inscritos que ano tras ano participan nesta proba. Este ano podemos volver a esa normalidade que tanto desexamos, ter a categoría dos máis pequechos, que ao final enchen esta praza de ledicia e risas, e é sempre unha alegría ver esas caras de satisfacción participando nunha proba deportiva. O mércores remata o prazo e polo de agora levamos 652 persoas inscritos. Veremos como estará o tempo o domingo aínda que aos deportistas non lles importa que chova ou que trone”.
 
Por outra banda, o alcalde, Blas García, dixo “comezamos a recuperar a actividade normal coas probas que xa tiñan unha tradición no concello, e xerando outras novas. A carreira pedestre é unha aposta máis do Concello de Ames polo deporte e polo atletismo. Estamos traballando en crear un espazo para practicar con normalidade probas de lanzamento, de salto ou de pista, por iso estamos traballando en adaptar o espazo do antigo campo de fútbol de Biduído, para que Ames sexa tamén un referente no atletismo”.

Ademais, engadiu que de cara a vindeiras edicións “queremos ir integrando nas nosas probas ás persoas con discapacidade. Queremos apoiar e integrar a estas persoas nos nosos eventos, é bo que poidan participar con normalidade e que teñen o apoio das administracións, xa sexa en probas específicas ou nas que xa organizamos”. Por último, tamén destacou que de cara ao vindeiro ano se está traballando na creación de novos eventos deportivos como é unha proba de marcha.   

A XXI Carreira pedestre popular Concello de Ames pertence ao VIII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e é parte do Campionato de Galicia das categorías sub20, sub23, absoluta e máster da tempada 2022-2023. Esta carreira, cuxa última edición se celebrou no 2019, conta cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro.

Inscricións na proba
Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata as 23:59 horas do mércores 19 de outubro, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Tamén se poderá realizar de xeito presencial no establecemento Deportes Amesport, situado na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub20 en diante) terán que aboar unha cota de 7 euros. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é de balde. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

No caso das inscricións para o Campionato de Galicia de 10 km en ruta realizaranse a través da plataforma da RFEF e será de balde. O prazo de inscrición rematará neste caso ás 20:00 horas do luns 17 de outubro.

Retirada de dorsais
Os dorsais poderán retirarase na secretaría da organización, situada na Casa do Concello (praza do Concello número 2, Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado, 22 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas, ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido.

Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo da XXI Carreira Pedestre Popular Concello de Ames.

Imaxe da presentación da XXI Carreira pedestre popular Concello de Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación da XXI Carreira pedestre popular Concello de Ames
  • Imaxe da presentación da XXI Carreira pedestre popular Concello de Ames
  • Cartaz da presentación da XXI Carreira pedestre popular Concello de Ames