- Tematica
O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da XXIII Carreira pedestres popular do Concello de Ames, que se vai a celebrar o domingo 20 de outubro en Bertamiráns e na súa contorna. A proba contará cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 16 de outubro, ás 23:59 horas, e pode realizarse a través da web www.emesports.es cubrindo o formulario de inscrición. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.
O alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e mailo técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño participaron esta mañá no acto de presentación da XXIII Carreira pedestre popular do Concello de Ames, que se vai a celebra o domingo 20 de outubro en Bertamiráns e na súa contorna. Tamén acudiron representantes dos clubs de atletismo de Ames: José Fernando Sainz García, presidente do Club de atletismo Sar; Jose David Garcia Arcos, director deportivo do Club Ames Atletismo; e Dalmiro Núñez, secretario do MillaRaio.
A proba pertence ao X Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano de 10 quilómetros, que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinalou que “este evento é máis que un clásico no concello de Ames, e así o demostra que hoxe presentemos a vixésimo terceira edición e que xa haxa máis de 400 inscritos na proba”. Así mesmo, animou a participar especialmente “aos corredores e corredoras que nunca viñeron a Ames, porque os que xa viñeron sabemos que sempre repiten”.
Por outra banda, o presidente da Federación Galega de Atletismo e técnico municipal do departamento de Deportes, Iván Sanmartín, explicou que esta “é unha carreira que gusta moitísimo no atletismo galego, en parte por ser un dos circuítos máis rápidos de Galicia”. Tamén falou do número de inscritos: “Somos moi optimistas nas previsións. Agardamos superar as 1.300 inscricións e mesmo bater o récord de inscrición da proba”. Ademais, afirmou que desde o concello se está a traballar na posibilidade de “dar un salto de calidade para poder acoller campionatos máis grandes” e anunciou que a vindeira semana o circuíto da carreira pedestre será homologado pola Federación Española de Atletismo.
O técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño, explicou algunhas das novidades que presenta esta edición con respecto a anos anteriores: “Este ano adiántase a hora de saída ás 10:00 da mañá, e haberá unha entrega de premios intermedia ás 11:30 horas, que era algo que nos demandaban os propios participantes”. Ademais, anunciou que os gañadores locais serán premiados cun abono trimestral para o centro deportivo A Telleira, situado en Bertamiráns. Rematou a súa intervención agradecendo a labor e o apoio dos clubes de atletismo e do club ciclista Os Esfola Arrós, que colaboran no control dos percorridos e dos tempos de carreira.
A continuación interviu o alcalde de Ames, Blas García, quen defendeu que “desde fai anos neste concello facemos unha aposta clara e decidida polo atletismo, porque non todo é fútbol, hai máis deportes que necesitan apoio. Por iso é moi positivo que estes eventos se prolonguen non tempo e manteñan o éxito de asistencia que ano tras ano consegue esta proba”. Tamén agradeceu o traballo e colaboración tanto da Policía Local como dos efectivos de Protección Civil encargados da seguridade da proba, así como o traballo do persoal técnico do departamento de Deportes.
Pola súa banda os representantes dos clubes destacaron o ilusionante que é para eles esta proba, e o importantes que son estes eventos para os clubes de base, pois son unha oportunidade ideal para que os deportistas consolidados comecen a tempada e para que os novos inscritos teñan unha primeira toma de contacto coas competicións.
Inscricións na proba e retirada de dorsais
Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata as 23:59 horas do mércores 16 de outubro, a través da páxina web www.emesports.es.
As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub20 en diante) terán que aboar unha cota de 7 euros. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é de balde. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.
A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun chip que se entregará a cada corredor/a xunto cun dorsal de competición. Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello (praza do Concello, nº 2, Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado 19 de outubro), en horario de 17:00 a 20:00 horas. Tamén se poderán recoller o propio día, ata media hora antes do inicio da proba.
Premios e trofeos
Os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como os tres primeiros da proba absoluta, recibirán un trofeo. No caso da proba absoluta, o trofeo será entregado tamén ás tres primeiras persoas empadroadas no Concello de Ames que chegue á meta e os tres primeiros clubs clasificados.
Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros. Pola súa banda, os gañadores locais serán premiados cun abono trimestral para o centro deportivo A Telleira, situado en Bertamiráns.
Nesta edición haberá dúas entregas de premios: unha ás 11:30 horas para os adultos, e outra ás 13:20 horas para os corredores máis pequenos.