Solapas principales

Preséntase a XXXIV edición do Campionato Xunta de Galicia de marcha en ruta, que se celebrará en Ames o 5 de febreiro

Lunes, 23 de enero de 2023

A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación do XXXIV Campionato Xunta de Galicia masculino e feminino de marcha en ruta, que se celebrará o vindeiro domingo 5 de febreiro, no circuíto da travesía do Porto, no parque empresarial Novo Milladoiro. Trátase dunha proba organizada pola Federación Galega de Atletismo na que poderán participar todos os atletas que conten con ficha na propia F.G.A. O prazo para anotarse xa está aberto, e os interesados en participar deben formalizar a súa inscrición na páxina web da RFEA antes das 20:00 horas do luns 30 de xaneiro.

O campionato, que chega á súa trixésimo cuarta edición, terá lugar por primeira vez no Concello de Ames, e estará dividido en diferentes categorías: sub10, sub12, sub14 (todas elas con proba masculina e proba feminina), sub16 e absoluta (probas mixtas).

No acto de presentación da carreira estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; Maica Jueguen Lago, responsable de promoción de menores e marcha da Federación Galega de Atletismo; Joao Fernández, en representación do club Millaraio, e David García, do club Ames Atletismo.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, aproveitou para "darlles as grazas aos clubs de Ames, ao club Millaraio e a Ames Atletismo, pola súa presenza e pola súa colaboración nesta nova proba que imos ter aquí". Así mesmo, sinalou que se trata da "trixésimo cuarta edición deste campionato, que por primeira vez se celebrará en Ames, despois da homologación do circuíto dun quilómetro que tanto vale para milla urbana como para o campionato de marcha en ruta".

A concelleira tamén indicou que "vai ser unha ocasión para ver esta nova modalidade. Todos estamos acostumados ás carreiras habituais e sempre gusta traer novas probas e ver novas modalidades de competición", e animou "a todas aquelas persoas que se queiran inscribir a facelo. Está toda a información na páxina da Real Federación Galega de Atletismo".

Pola súa banda, Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo, declarou que "para nós é un pracer estar aquí, no Concello de Ames, presentando este campionato, dunha especialidade que ten moito arraigo en Galicia e tamén a nivel internacional. Ogallá este sexa o berce para que saian máis marchadores de aquí, de Ames".

Ademais, Sanmartín loubou o traballo dos clubs de atletismo amesáns, destacando que "a marcha en ruta é moi promulgada tanto polo Millaraio como por Ames Atletismo, que son dous clubs que están a desempeñar un magnífico traballo coas súas escolas e potenciando estas especialidades. Eles tamén son responsables de que esta proba se vaia a celebrar aquí o vindeiro domingo 5 de febreiro". Ademais, expresou que "unha das intencións que teño como presidente da Federación Galega de Atletismo é montar un circuíto de marcha en ruta, que teña tres ou catro probas en Galicia, e ogallá Ames poida estar nese circuíto".

A rolda de intervencións foi pechada polo alcalde de Ames, Blas García. "Fai uns meses homologamos un circuíto no Milladoiro que inauguramos cunha carreira de milla urbana. Así conseguimos poder diversificar un pouco a disputa de varias probas no concello: por un lado temos o circuíto de Bertamiráns, tamén homologado, agora contamos con este do Milladoiro", explicou.

O rexedor municipal engadiu tamén que "ese día imos ter 180 atletas federados competindo en diversas categorías de marcha. É un deporte vistoso, unha proba deportiva moi interesante, e animamos a que a veciñanza de Ames, e sobre todo a do Milladoiro, a que aproveite para saír e ver a proba".

Requisitos de participación e inscricións
No campionato poderán participar todos aqueles atletas que teñan ficha pola Federación Galega de Atletismo na tempada 2023. O prazo para anotarse xa está aberto, e as inscricións pódense facer a través do sistema online da web da RFEA ata o vindeiro luns, 30 de xaneiro, ás 20:00 horas. O número máximo de corredores por proba será 20, exceptuando a categoría absoluta, na que poderán participar ata 30 persoas. A responsabilidade das inscricións dos atletas, salvo que sexan independentes, corresponderá ao seu club.

Por outra banda, unha vez publicada a listaxe de aceptados, aqueles que o desexen poderán darse de baixa ata as 10:00 horas do mércores 1 de febreiro, informando a través enderezo electrónico competicion@atletismo.gal. Todas as baixas que sexan comunicadas fóra de prazo suporán unha multa de tres euros. Así mesmo, os participantes que se ausenten na proba sen aviso previo ou informando con menos de 48 horas de marxe serán sancionados cunha multa de cinco euros.

Horarios provisionais e recorridos
O campionato dará comezo coa proba sub12 masculina, que terá un recorrido de dous quilómetros e está programada para as 10:20 horas. Posteriormente, desenvolverase a carreira sub12 feminina, ás 10:35 horas, na que tamén se percorrerán dous quilómetros.

Ás 10:50 e ás 11:00 horas será a quenda dos participantes na categoría sub10 masculina e feminina, respectivamente, que correrán un quilómetro. Xa ás 11:10 terá lugar a proba sub14 masculina, e ás 11:35 a feminina. En ámbalas dúas o percorrido será de tres quilómetros.

Para finalizar, celebraranse as dúas probas mixtas da xornada, a da categoría sub16 e a absoluta. A primeira comezará ás 12:00 horas, e os participantes deberán correr cinco quilómetros; mentres que na segunda a sinal de saída darase ás 12:35 horas, e os participantes terán dez quilómetros por diante.

Todos os horarios son provisionais. Unha vez pechado o prazo de anotación e publicadas as listas de admitidos concretaranse as horas de comezo das probas definitivas en función das categorías dos inscritos.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "A XXXIV edición do Campionato Xunta de Galicia de marcha en ruta, celebrarase en Ames o 5 de febreiro"

Presentación do campionato na Casa do Concello

Multimedia

  • Preséntase a XXXIV edición do Campionato Xunta de Galicia de marcha en ruta, que se celebrará en Ames o 5 de febreiro
  • Preséntase a XXXIV edición do Campionato Xunta de Galicia de marcha en ruta, que se celebrará en Ames o 5 de febreiro
  • Preséntase a XXXIV edición do Campionato Xunta de Galicia de marcha en ruta, que se celebrará en Ames o 5 de febreiro