Solapas principales

Prestixiosos magos galegos e internacionais, entre eles o actual campión do mundo, conforman o cartel da XV edición do Festival de Maxia de Ames

Jueves, 08 de octubre de 2020

Oito galas e dous obradoiros compoñen o programa da XV edición do Festival de Maxia de Ames que se desenvolverá nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro entre os días 22 e 25 de outubro, co patrocinio da Deputación Provincial. O evento, presentado esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro pola concelleira de Cultura de Ames, Natividade González, e o Mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, propón como novidades as Galas Galega e de Hipnose e a retransmisión en striming da Gala Máxica Internacional que se desenvolverá o domingo, 25, en Milladoiro. Por mor das medidas de loita contra a COVID, o Festival non ofrecerá este ano actividades nos centros educativos. Porén, mantéñense os obradoiros infantís para os que xa está aberto o prazo de inscrición en cultura@concellodeames.gal. As entradas para as Galas tamén se poden adquirir desde hoxe na billeteira electrónica.

Malia as dificultades inherentes á loita contra a pandemia da Covid19 que impide este ano facer actividades nos colexios, o concello de Ames segue a apostar polo que é unha das súas citas emblemáticas de outono. O Festival de Maxia congregará unha vez máis a importantes figuras da maxia galega como Mago Teto, Mago Paco, Mago Rafa e Joshua Kennet e o propio Dani Polo, dará a coñecer a profesionais internacionais da talle do hipnotista Jeff Toussaint, o premiadísimo Maxime Minerve, Dania Diez, cuxos espectáculos foron elixidos para formar parte dun especial dos mellores números do mundo que pasaron polo America´s Got Talent, e Miguel Múñoz, o actual campión do mundo de maxia e protagonista de “Dumbo”, a última película de Tim Burton. O Festival validará ademais a súa vocación de formar novos magos a través dos obradoiros para a rapazada.

Así o manifestou na rolda de prensa na que se deu a coñecer o programa do Festival deste ano, a concelleira de Cultura, Natividade González: “ Este ano non podemos ir aos coles pola situación sanitaria que estamos vivindo. Porén incrementamos o número de galas e de sesións para que poida acudir máis xente e retransmitiremos en stregming a Gala Internacional do domingo 25 de outubro”. A concelleira gabou tamén o ter chegado á  XV edición e celebrala a pesares das circunstancias: “Cando hai 8 meses preparabamos con Dani Polo esta edición da gala, pensabamos que o único atranco que podíamos ter era elixir ben a data para que non nos coincidise cunhas eleccións autonómicas... ao final celebramos o Festival moito despois das eleccións, cun nivel extraordinario e respectando todas as normas hixiénico sanitarias. Una vez máis lembramos que a cultura é segura”.

Pola sua banda, o mago Dani Polo, de Abarajar Producciones, organizador xunto co Concello do Festival, manifestou que “neste momento difícil a xente necesitamos máis maxia e máis ilusión que nunca”. Polo, que leva nove anos, desde que era un rapaz, participando no Festival e agora organiza e produce o evento, tivo tamén unha palabras de agradecemento para o público de Ames e anunciou que, como adoita a facer cada ano, aproveitará estar no noso concello para estrear e probar un número novo.    

Programa
A programación do XV Festival de Maxia comeza o xoves, 22, na Casa da Cultura de Bertamiráns cunha novidade: a “Gala Máxica Galega” que contará coa presenza de  Mago Paco, Mago Rafa, Joshua Kenneth e Mago Teto. Todos estes profesionais da maxia galega son asiduos deste Festival e moi coñecidos e queridos pola rapazada amesá que acode cada ano tamén aos obradoiros de maxia que imparten. Presentará a gala, Dani Polo, productor do evento, que aproveitará a circunstancia para estrear un novo número. Realizaranse dúas sesións, unha ás 17:00 e outra ás 19:30 horas. A Gala está dirixida a todos os públicos.

O venres 23, tamén en Bertamiráns, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar a Gala Infantil na que o Mago Paco presentará o seu espectáculo: “Hocus Pocus”. A función comezará ás 17:00 horas e e está dirixido a público familiar a partir de 3 anos.

O mesmo día, 23, e no mesmo espazo, na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar unha das novidades do Festival: A Gala de hipnose. O evento correrá a cargo de Jeff Toussaint e o seu espectáculo: “O Hipnotista”. A función está recomendada para maiores de 1 anos.

A Gala Máxica Internacional ofrecerá en Ames dúas funcións, unha en Bertamiráns, o sábado 24, e outra en Milladoiro o domingo 25. Actuarán Dani Polo, Manolo Costa e Mindanguillo, Maxime Minerbe, Dania Díaz e Miguel Muñoz. En cada unha das funcións faranse dúas sesións, unha as 17:00 horas e outra ás 20:00. Esta Gala está aberta tamén a todos os públicos. Está prevista, desde o Milladoiro, se retransmita en striming esta gala.  

Obradoiros
O Festival de Maxia continúa co seu obxectivo de achegar á maxia á rapazada, tamén a través da formación e a aprendizaxe.  Mago Paco e Joshua Kenneth van ser os encargados este ano de impartir os obradoiros que se desenvolverán o sábado, 24 de outubro a partir das 11:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo, 25 de outubro, tamén ás 11:30, na Casa de Cultura de Milladoiro. Poden participar rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos e ofértanse doce prazas para cada un dos obradoiros. Xa está aberto o prazo de inscrición. Os interesados poden enviar un mail a cultura@concellodeames.gal, indicando nome, apelidos e teléfono.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A XV edición do Festival de Maxia de Ames contará con prestixiosos magos galegos e internacionais"

Presentación do festival de maxia

Multimedia

  • Dani Polo e Natividade González
  • Cartaz do XV Festival de Maxia
  • Embedded thumbnail for