Solapas principales

Preto de 1.300 nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares xantarán o Caldo de Gloria de Rosalía de Castro

Martes, 23 de febrero de 2021

Con motivo da celebración do Día de Rosalía, unha efeméride que ten lugar mañá, 24 de febreiro, o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión, Padrón, Santiago e Dodro, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, organizan a actividade denominada “Caldo de Gloria”. Deste xeito, servirase caldo galego na Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, preto de 1.300 nenos e nenas xantarán o caldo que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas.

Un ano máis o Concello de Ames súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro poñendo en marcha a iniciativa Caldo de Gloria. Dende a Concellaría de Turismo, promotora da campaña, en colaboración coa Concellaría de Educación, achegan o Caldo de Gloria aos peto de 1.300 nenos e nenas que son usuarios/as da Rede municipal de comedores escolares.

Deste xeito, mañá xantarán o caldo que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que a rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir na súa humildade, e ao pé do lume da lareira tamén é feliz. Ademais, os/as usuarios dos comedores disporán dun mantel de papel sobre esta campaña.

Por outra banda, este ano debido ás actuais restricións derivadas da pandemia da Covid-19, e dado que o sector hostaleiro está pechado, non se pode desenvolver as campañas de Caldo de Gloria e Café con Verso en bares, cafeterías e restaurantes de Ames.

O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, explica que “este ano non podemos realizar as campañas de Caldo de Gloria e Café con Verso no sector hostaleiro de Ames debido as actuacións restricións pola Covid-19. Aínda así, como en anos anteriores, puxemos en marcha a campaña de Caldo de Gloria nos comedores escolares”.

Quinta edición de Caldo de Gloria
Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o Concello de Padrón. En 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión. En 2019 sumouse tamén o Concello de Santiago de Compostela e en 2020 uniuse o Concello de Dodro. Deste xeito, nesta iniciativa participan os cinco Concellos que promoven a ruta As Pegadas de Rosalía. Para potenciar a participación activa nesta campaña crearase o pertinente hashtag ou cancelo e na páxina web  poderanse descargar tódolos materiais e textos relacionados co evento.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Rosalía sopra as candeas con recitais, Caldo de gloria e un novo mural"

Compostela 24horas: "Preto de 1.300 nenos da Rede municipal de comedores escolares xantarán o Caldo de Gloria de Rosalía de Castro".

Caldo de Gloria.

Multimedia

  • Caldo de Gloria.