Solapas principales

Preto de 20 empresas amesás, o centro coworking A Proa e mailas tres universidades galegas participan na segunda edición de InnovAmes

Miércoles, 14 de diciembre de 2022

O Concello de Ames organiza unha nova edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que terá lugar este venres, 16 de decembro, no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que se contará coa presenza de grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. O obxectivo deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Durante toda a xornada participará persoal de preto de 20 empresas amesás, rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames, persoal do centro coworking a Proa e representantes das tres universidades galegas. Para dispor de máis información sobre o InnovAmes pódese consultar a páxina web do evento.

O Milladoiro acolle unha nova edición da xornada de innovación para as empresas de Ames “InnovAmes”. Trátase dunha xornada de innovación que se celebrará este venres, 16 de decembro, no pavillón polideportivo do Milladoiro. O obxectivo é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que den lugar a proxectos innovadores.

Neste evento contarase un total de 20 stands  nos que estarán 14 empresas amesás como Airvision, Tecalis, Escenoset, Mirabelle Producciones, Verial, Nanogap, Sistemius Abogados, Carto Galicia, Minervas Voice, Conic vascular, We Robots, Feiraco, GST e Codery. Outras tres empresas non disporán de stand pero participarán en relatorios e mesas de debate; dúas son empresas de Ames (Altia e Alfonsin Digital  Lab) e outra pertence á universidade de Santiago de Compostela (FlowReserve) .

Tamén disporán do seu propio stand as tres universidades galegas: USC, Campus industrial de Ferrol (UdC) e Universidade de Vigo, así como haberá un stand dos centros escolares e do centro coworking A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro. Ademais, Radio Galicia - Cadena Ser emitirá o seu programa Hoy por Hoy dende o pavillón do Milladoiro.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “no InnovAmes participan empresas de Ames que son un referente da innovación e que conviven no noso concello. Cremos necesario facer un gran evento de recoñecemento das nosas empresas”. Ademais, explicou que “as empresas amesás que participan neste evento ofrecerán a súa particular visión sobre o estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores. Ademais contaremos con representantes das tres universidades galegas e do centro coworking A Proa”.

Programa de mañá
A xornada comeza ás 10.00 horas cunha mesa inaugural e cun percorrido de presentación polos diferentes stands. Na mesa inaugural participarán Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Luis Otero González, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento da USC; Alfonso Lago Ferreiro, vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións da Universidade de Vigo; Patricia Fernández Liz, directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación; e Blas García, alcalde de Ames.

Unha vez rematada o acto inaugural comezarán as charlas e mesas de debate que tratarán sobre tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. A empresa Tecalis falará sobre o metaverso e fará unha demostración na propia feira, onde creará un avatar do alcalde, Blas García. Presentarán o proxecto Tecalis Avatar Identity  que é a primeira solución do mundo de verificación de identidade con DNI para o metaverso.

Pola mañá tamén haberá dúas mesas; na primeira falarase sobre saúde e innovación e contarase coa presenza de Nanogap, Conic Vascular, FlowReserve e Sofía Suarez da Universidade de Vigo. Tamén pola mañá realizarase a presentación dos proxectos educativos finalistas aos Premios InnovAmes, a entrega dos premios educativos e unha exhibición de drons por parte do persoal da empresa Airvision.

Por outra banda, o alumnado dos centros de ensino e representantes de empresas poderán escoitar a Carlota Corzo, unha das 30 mozas e mozos con menos de 30 anos da lista Forbes, coofundadora de Lázzaro, unha empresa que axuda a organizacións sen ánimo de lucro a crear plataformas web fiables, permitindo traccionar as súas operacións mediante blockchain.

Programa de tarde
Pola tarde, ás 16.30 horas, persoal das empresas Escenoset, Mirabelle Producción e Minervas voice falarán da produción audiovisual para a educación. De seguido, ás 17.15 horas, farase a presentación dos proxectos finalistas aos Premios InnovAmes para empresas. Ás 18.15 horas haberá un relatorio con Alfonsin Digital  Lab, que presentará as singularidades da posprodución máis innovadora, traballando man a man cas plataformas audiovisuais do momento.

Tamén haberá unha actuación musical, a cargo do músico Marcos Valcarce, que será o acto previo á entrega de premios que está prevista para as 19.15 horas. O peche da xornada será ás 19.30 horas a cargo da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e do alcalde de Ames, Blas García.

Obradoiros
Por outra banda, haberá obradoiros pola mañá de 10.30 a 11.30 horas para escolares de máis de 9 anos e de 12.00 a 13.00 horas para escolares de máis de 12 anos. Pola tarde haberá tamén obradoiros. Neste caso de 16.30 a 18.00 horas haberá un taller de iniciación a Arduino (para rapaces e rapazas de máis de 16 anos) e de 18.15 a 19.00 horas impartirase un obradoiro de estratexias e tecnoloxías para o impulso do IoT (tamén dirixido a rapaces e rapazas maiores de 16 anos).

Estes obradoiros son de balde. As solicitudes de inscrición hai que presentalas ata este venres 16 de decembro, ás 14.00 horas, enviando unha mensaxe de correo electrónico ao enderezo de correo electrónico info@innovames.gal. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e nome do taller no que desexa inscribirse. Cada unha das persoas solicitantes recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.   

Premios InnovAmes
Este ano como novidade o Concello de Ames convocou a primeira edición do premio Innovames para empresas innovadoras co obxectivo de recoñecer, apoiar e dar visibilidade ás persoas emprendedoras e empresas máis innovadoras e con maior potencial de crecemento en Ames; proxectos con carácter e innovador e de gran impacto social, tanto de recente creación como xa consolidadas. Premiarase a innovación, o impacto social e o alto potencial de crecemento.

Ademais, convocouse o primeiro premio InnovAmes para proxectos educativos. O Concello de Ames vén apostando nos últimos anos polo sector da innovación, o programa InnovAmes pretende incluír a comunidade educativa para favorecer a cultura do emprendemento e a innovación no futuro da nosa sociedade. Deste xeito, a través deste premio trátase de ofertarlle á comunidade educativa amesá un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación. Neste caso recoñecerase a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Nova edición de InnovAmes este venres 16 no Milladoiro"

Cartaz de InnovAmes

Multimedia

  • Cartaz de InnovAmes
  • Cartaz de InnovAmes
  • Cartaz da charla de Carlota Corzo
  • Cartaz dos obradoiros