Solapas principales

Preto de 200 persoas asistiron ao concerto de Entroido da Escola Municipal de Música de Ames

Lunes, 20 de febrero de 2012

[20-02-2012] O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofreceu o pasado venres día 17 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro, un concerto de Entroido. Deste xeito comezaron as actividades de Entroido que ten preparadas o Concello de Ames para o mes de febreiro e que continúan coa Festa de Entroido do luns 20 de febreiro, unha festa que terá lugar no aparcadoiro da rúa do Agro do Medio, situada no Milladoiro. Durante un hora e media o alumnado da EMMA interpretou unha selección de pezas populares. O programa do recital incluíu versións de temas clásicos ademais de partituras pop e bandas sonoras de cine. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro estivo cheo de xente, polo que se calcula que preto de 200 persoas asistiron a este concerto.

A semana de Entroido comezou en Ames de xeito moi intenso. As actividades de Entroido comezaron o pasado venres co concerto dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Ames. O concerto da EMMA foi un auténtico éxito. Asistiron arredor de 200 espectadores e durou aproximadamente unha hora e media. Todos os espectadores comentaron ao remate do concerto que lles gustara moito e que estivera moi ben organizado porque as pezas que se interpretaron foron moi ben escollidas.

O concerto articulouse a partir de 16 momentos musicais. O primeiro estivo protagonizado polas agrupacións de violíns e viola, que ofreceron unha versión dos temas O lago dos cisnes, Fillo da lúa e Billy Jean. De seguido actuaron os/as alumnos/as de percusión e os grupos de música e movemento, coa interpretación de O pirata mete pata. A continuación, actuaron os pianistas María Gallego e Brais Cantorna, que deron paso ao tema O tren das profesións, interpretado por alumnos de batería e de linguaxe musical.

Pola súa banda, os estudantes de saxofón interpretaron desde unha polka ata unha adaptación de O xorobado de Notre Dame ou Monsters S.A. Tamén houbo tempo para escoitar versións de La Oreja de Van Gogh ou Lady Gaga nas voces dos alumnos de canto antes da actuación dun octeto de guitarras, que interpretaron o rag-time The entertainer. No último tramo do recital, participaron o coro de voces e o grupo de Música para Adultos, as alumnas de canto da escola e as pianistas Marta Costoya e Inés García Iglesias. O concerto rematou cunha versión do tema Yesterday e da banda sonora de Harry Potter, interpretado pola orquestra de frautas coa colaboración dun grupo de saxos.