- Tematica
O pavillón polideportivo municipal do Milladoiro acolleu o pasado sábado 26 de febreiro a sétima edición do seminario de defensa persoal que a Deputación da Coruña programou ao longo da provincia. Preto de 40 amesás aprenderon ao longo de catro horas técnicas e estratexias para defenderse ante posibles agresións. As mulleres participantes recibiron un diploma acreditativo da súa participación.
Ás dez da maña do pasado sábado daba comezo o seminario de defensa persoal pavillón polideportivo municipal do Milladoiro. Ao longo de catro horas 40 mulleres amesás recibiron técnicas e estratexias de defensa ante posibles agresións. En primeiro lugar, realizaron exercicios de quecemento e aprenderon como situarse, afianzarse, a caer e a erguerse, a manexarse no chan, moverse e desprazarse e manter a distancia.
Unha vez coñecidas estas e outras técnicas de autodefensa, comezaron coa parte estratéxica, onde estableceron un protocolo de actuación que impida bloqueos e facilite a reacción de resposta. Déronlles, ademais, indicacións e consellos sobre como distraer, sorprender, enganar, rexeitar, reaccionar e pedir axuda.
Finalizada a parte formativa as mulleres asistentes recibiron un diploma acreditativo da súa participación no seminario de defensa persoal no Milladoiro. A entrega de diplomas correu da man do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Deportes, Susana Señorís e do concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, que participou activamente da xornada formativa valorou moi positivamente este tipo de cursos e anunciou que o Concello de Ames seguirá ofertando seminarios coma este “Marcho con moitas cousas aprendidas e, aínda que, espero que ningunha das mulleres das que hoxe estamos aquí, nin ningunha persoa as teña que poñer en práctica creo que é moi importante ofrecerlle ás veciñas de Ames unhas nocións de autodefensa para que se sintan seguras e para que no caso de ser necesario saiban como reaccionar ante unha posible agresión”.
Ademais, engadiu “o Concello de Ames vai seguir ofertando este tipo de seminarios xa que constatamos que hai unha gran demanda tanto entre a poboación xuvenil como adulta. Teño que agradecerlle a XEA, a “Alimentación Titina” e a “Tomate más fruta” a súa colaboración aportando augas e froita para tomar no descanso”.
Esta foi a sétima edición do seminario de defensa persoal das oito que ten programadas a Deputación da Coruña ao longo da provincia, e que comezaron en novembro de 2021 e rematarán en marzo deste ano.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Defensa personal en Ames"
El Correo Gallego: "As amesás aprenderon autodefensa"