Solapas principales

Preto de 400 inscritos na XVI Milla Urbana Concello de Ames que se celebra este domingo 25 de setembro

Viernes, 23 de septiembre de 2022

Tras sete anos de parón dende a súa anterior edición, a Milla Urbana Concello de Ames volve neste 2022 ao Milladoiro. Trátase dunha carreira curta, na que as 391 persoas inscritas deberán percorrer un circuíto urbano de entre 200 metros e unha milla, dependendo da idade. Calquera persoa pode participar nesta proba, con ou sen licenza federativa e sen límites de idade. A proba desenvolverase o domingo 25 de setembro, a partir das 9:00 horas, na zona da área deportiva da travesía do Porto, no Milladoiro. Haberá cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento nos arredores da área deportiva do Milladoiro pola celebración de dita proba deportiva.

A Milla Urbana Concello de Ames volve o domingo 25 de setembro, na que será a súa décimo sexta edición. Deste xeito, a Concellaría de Deportes recupera un evento deportivo que levaba sen celebrarse dende o ano 2015, en conxunto coa Federación Galega de Atletismo.

A proba, na que se inscribiron un total de 391 persoas entre nenos/as e adultos, contará cun circuíto urbano de entre 200 metros e unha milla, dependendo do ano de nacemento das persoas participantes. Na categorías de pitufos/as (de 0 a 4 anos) inscribíronse 38 cativos/as que terán que percorrer 200 metros. Na categoría de prebenxamíns (nados e nadas no 2015, 2016 e 2017) participarán 58 nenos e nenas que farán 300 metros.

Os sub10, sub12, sub14 e sub16, nados entre o 2007 e o 2014, terán que correrá un quilómetro. Na categoría sub10 participarán 52 rapaces e rapazas, na categoría sub12 hai 55 inscritos, na categoría sub14 hai 30 participantes e na categoría sub16 son 34 inscritos). Por último, nas categorías sub18, sub20, sub23 e sénior inscribíronse 36 persoas, mentres que na categoría máster hai 88 inscritos. Os/as participantes nestas categoría terán que correr unha milla, o equivalente a 1,61 quilómetros aproximadamente.

Horarios, premios e regulamento
As carreiras comezarán entre as 11:00 e as 12:45 horas na travesía do Porto, no Milladoiro. Antes, a partir das 9:00 horas habilitarase un punto no aparcadoiro da área deportiva do Milladoiro para a retirada de dorsais, que se poderá realizar ata media hora antes das probas.

As persoas participantes deberán colocarse na saída cinco minutos antes do comezo da proba. Durante a carreira, deberán portar o dorsal-chip, que os seguirá ao longo do percorrido, baixo o control do comité de xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Recibirán trofeos os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, masculinos e femininos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira na área deportiva do Milladoiro, na travesía do Porto. Non haberá premios nin trofeos para os/as participantes das categorías prebenxamín e pitufo, nas que se entregará un agasallo a cada participante.

Alteracións de tráfico pola XVI Milla Urbana
Debido á realización desta proba deportiva haberá cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento nos arredores da área deportiva do Milladoiro. Deste xeito, estará prohibido estacionar o domingo, 25 de setembro, no aparcadoiro da área deportiva e da Casa da Cultura do Milladoiro das 8:00 ás 14:00 horas.

Ademais, as seguintes rúas, por onde transcorre a citada Milla Urbana, estarán cortadas ao tráfico en horario das 10:00 ás 13:00 horas: Travesía do Porto, rúa dos Agriños, parte da rúa Pardiñeiros e parte da avenida Muíño Vello. Polo que, se recomenda evitar as vías mencionadas para evitar retencións de tráfico.

Cartaz da XVI Milla Urbana Concello de Ames

Multimedia

  • Cartaz da XVI Milla Urbana Concello de Ames