O campo municipal de Bertamiráns acolleu a oitava edición do campus de fútbol 8 do Bertamiráns FC entre o 24 eo 28 de xuño. Na actividade participaron arredor de 90 nenos e nenas correspondentes ás categorías prebenxamin, benxamín e alevín, que non só realizaron traballo futbolístico específico e diversas competicións, senon tamén actividades acuáticas, xogos e visionamento de vídeos. Ao acto de clausura, que tivo lugar o venres, asistiron o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García.
Un ano máis, o Bertamiráns FC organizou durante a última semana de xuño un campus de fútbol 8 aberto a nenas e nenos de 6 a 12 anos. Nesta oitava edición foron preto de 90 rapaces/as os que se achegaron a este deporte, tanto de xeito teórico como práctico a través do diversas nocións específicas sobre xogo, ademais de gozar do tempo libre con diferentes actividades de carácter lúdico. O campus desenvolveuse no campo municipal de fútbol de Bertamiráns entre o 24 e o 28 de xuño.
Durante cinco días, os/as participantes profundaron en conceptos como a habilidade, o regate, o principio defensivo do marcaxe, o tiro, o remate ou o control e pase. Así, cada xornada xirou en torno a unha ou dúas destas nocións, que os rapaces abordaron tanto de forma teórica como práctica. Para elo, as xornadas comezaban co visionado dun vídeo no que se recollían algunhas das actuacións máis coñecidas e impresionantes de xogadores/as de primeira división sobre o tema ao que se dedicaría ese día. A continuación, os participantes inteviñan nun adestramento con demostracións e desenvolvían distintos exercicios para poñer en práctica o aprendido.
Ademais, durante a semana os cativos/as tamén asistiron á piscina municipal de Bertamiráns, onde se relaxaron e practicaron distintas actividades acuáticas. Por outra banda, o venres a xornada estivo adicada á realización de distintas competicións nas que as rapazas e rapaces puideron poñer en práctica todos os principios técnicos tratados ao longo do campus. A este acto de clausura asistiron o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García.