Solapas principales

Principais condicións a ter en conta para a fase 1 da desescalada que comezarán a partir deste luns 11 de maio

Domingo, 10 de mayo de 2020

O Concello de Ames informa que este sábado, 9 de maio de 2020, publicouse no Boletín Oficial do Estado a Orde SND/399/2020, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma, en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Cómpre lembrar que o concello de Ames, ao igual que o resto de concellos galegos, entre este luns, 11 de maio de 2020, na fase 1, polo que se establecen novas condicións no proceso de desescalada. Dende o Concello de Ames apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas polo ben común e evitar así un posible retroceso no control da pandemia.

O Goberno do Estado publicou no Boletín Oficial do Estado, este sábado 9 de maio, a Orde SND/399/2020 para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma, en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara unha nova normalidade. Deste xeito, establécense varias condicións que haberá que ter en conta a partir deste luns 11 de maio.

Liberdade de circulación e grupos de persoas
Poderase circular pola provincia da Coruña, sen prexuízo das excepcións que xustifiquen o desprazamento a outra parte do territorio nacional por motivos sanitarios, laborais, profesionais ou empresariais, de retorno ao lugar de residencia familiar, asistencia e coidado de maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra de análoga natureza.

Deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da Covid-19, e, en particular, as relativas ao mantemento dunha distancia mínima de seguridade de, polo menos, dous metros, ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física, de hixiene de mans e etiqueta respiratoria. Para estes efectos, os grupos deberían ser dun máximo de dez persoas, excepto no caso de persoas que convivan xuntas.

Lugares de culto, velorios e enterros
Na fase 1 poderanse realizar velorios co límite máximo en cada momento de quince persoas en espazos ao aire libre, ou dez persoas en espazos cerrados, sexan ou non convivintes. Os enterros restrínxese a un máximo de quince persoas, entre familiares e achegados, ademais de, no seu caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto. Os lugares de culto non poderán superar o terzo do aforo e deben cumprise as medidas xerais de seguridade e hixiene.

Establecementos e locais comerciais minoristas
Por outra banda, poderase procederse á reapertura ao público de todos os establecementos e locais comerciais minoristas e de actividades de servizos profesionais, cuxa actividade se suspendeu tras a declaración do estado de alarma, sempre que teñan unha superficie útil de exposición e venda igual ou inferior a 400 metros cadrados, con excepción daqueles que se atopen dentro de parques ou centros comerciais sen acceso directo e independente desde o exterior. Para dita reapertura hai que cumprir unha serie de requisitos que se detallan na Orde publicada polo Goberno do Estado sobre a fase 1 da desescalada e no documento, que está ao pé desta nova, sobre as principais condicións a ter en conta para a fase 1 da desescalada.

Concesionarios, ITV e centros de xardinería e viveiros
Poderase proceder á reapertura ao público, mediante a utilización da cita previa, dos concesionarios de automoción, as estacións de inspección técnica de vehículos e os centros de xardinería e viveiros de plantas, sexa cal sexa a súa superficie útil de exposición e venda. En todo caso, deberase contar coas medidas de hixiene esixibles aos establecementos e locais con apertura ao público, as de hixiene e/ou de prevención para o seu persoal traballador e coas medidas hixiene dos clientes no interior de establecementos e locais que establece a Orde relativa á fase 1.

Hostalería
Poderá procederse á reapertura ao público das terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalería e restauración limitándose ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior en base á correspondente licenza municipal. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia física de polo menos dous metros entre as mesas ou, no seu caso, agrupacións de mesas.

Para os efectos da presente orde consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que estando cuberto estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas.

A mesa ou agrupación de mesas que se utilicen para este fin, deberán ser acordes ao número de persoas, permitindo que se respecten a distancia mínima de seguridade interpersoal. Deberán contar coas medidas de hixiene e/ou prevención na prestación do servizo en terrazas establecidas na Orde relativa á fase 1. Consulta o bando municipal sobre a apertura de terrazas na transición cara unha nova normalidade debido á Covid-19.

Mercadillos
Poderán proceder á súa reapertura os “mercadillos”, dando preferencia a aqueles de produtos alimentarios e de primeira necesidade, e procurando que sobre os produtos comercializados nos mesmos se garanta a non manipulación por parte dos consumidores. En todo caso, garantirase unha limitación ao vinte e cinco por cento dos postos habituais ou autorizados e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual.

Deporte
As instalacións deportivas ao aire libre e os centros deportivos do concello de Ames, permanecerán pechados para a práctica de actividade deportiva.

Hoteis e establecementos turísticos
Poderá procederse á reapertura ao público dos hoteis e aloxamentos turísticos que suspendesen a súa apertura ao público. Aos servizos de restauración e cafeterías dos hoteis e aloxamentos turísticos aplicaráselles con carácter xeral o establecido en canto as condicións para a reapertura ao público de terrazas dos establecementos de hostalería e restauración.

Non obstante, exclusivamente para os clientes hospedados, prestarase servizo de restauración e calquera outro servizo que resulte necesario para a correcta prestación do servizo de aloxamento. Estes servizos non se prestarán nas zonas comúns do hotel ou aloxamento turístico, que permanecerán cerradas. A prestación destes servizos terá que observar as medidas e instrucións sanitarias de protección e de distancia de seguridade interpersoal.

Turismo activo e natureza
Poderanse realizar actividades de turismo activo e de natureza para grupos dun máximo de ata dez persoas, por empresas rexistradas como empresas de turismo activo na correspondente administración competente. Estas actividades concertaranse, preferentemente, mediante cita previa.

Mobilidade nos vehículos privados
Este domingo, 10 de maio de 2020, publicouse unha nova Orde pola que se establecen as condicións a aplicar na fase 1 da desescalada, en materia de mobilidade, e se fixan outros requisitos para garantir unha mobilidade segura. Concretamente na súa disposición final primeira dispón, entre outras, as condicións relativas ao transporte privado no que viaxen persoas que conviven xuntas; transporte privado no que viaxen persoas que non conviven xuntas; transporte en motocicletas e ciclomotores; e sobre os vehículos dunha única fila de asentos. Para máis información sobre este asunto pódese consultar a Orde en materia de mobilidade.

Imaxe da praza do Concello, en Bertamiráns