- Tematica
“Amantis” é a terceira proposta teatral do departamento de Cultura de Ames para este mes de marzo. A obra, da man da compañía Rebordelos, terá lugar este venres, día 17, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A representación enmárcase dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas para o espectáculo xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación cultural ao completo para o primeiro semestre do ano.
En “Amantis” nárrase a historia de “M.”, un rapaz de barrio obreiro que desexa ser influencer, e buscar ser amado e aceptado. Ao longo do seu camiño para lograr o soño toparase con trampas dun universo intanxible, e descubrirá que non todo é o que parece, e mesmo que nin el mesmo é quen cría ser.
A peza teatral explora a brecha xeracional entre os nativos/as e os non nativos/as, tentando comprender como inflúen as redes sociais, o selfie, o sexting... na formación da propia identidade e nas relacións interpersoais. Nela faise un retrato das novas linguaxes dende unha ollada sen prexuízos e optimista, pero consciente de que a hiperconexión á que se ven sometida os adolescentes afecta á liberdade, a intimidade e a igualdade de oportunidades. O espectáculo conxuga música, humor e acidez, facendo unha reflexión para todas as xeracións sobre os retos e dificultades da era dixital.
As entradas para a representación xa poden adquirirse, por 5 euros, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben presencialmente na propia Casa da Cultura, antes do comezo do espectáculo. Os estudantes con carné que certifique a súa condición, as persoas maiores de 60 anos, os menores de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poden beneficiarse dun desconto do 50% do custo ordinario da entrada. Prégase puntualidade aos espectadores.
Rebordelos
Rebordelos defínese como unha compañía “interesada na exploración da memoria, na visibilización das voces infrarepresentadas e na construción artesá dun patrimonio cultural colectivo”. O grupo naceu como espazo de creación para sementar os proxectos de Tamara Canosa e Xacio Baño.
En “Amantis”, “M.” é representado por Roque Ruiz, que ten participado en obras de teatro como “Porlier en Pastoriza” (2017), “La caja de música” (2015) ou “Besos para la Bella Durmiente” (2012). No ano 2020 protagonizou a popular serie “El desorden que dejas”.