- Tematica
“Tabú”, de Colectivo Glovo, chega este venres, 21 de abril, ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O espectáculo, que dará comezo ás 20:30 horas, versará sobre a historia das mulleres integrantes de dous equipos de fútbol pioneiros a comezos do século XX, e enmárcase dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
A actuación de “Tabú” dura arredor de 60 minutos, e narra a historia de doce mulleres, retratadas nunha fotografía datada de 1925 por Manuel Riesco. Trátase de xogadoras de fútbol do Arnoia de Allariz e do Celanova, que posan con actitude desafiante e seria, e recollido ao estilo belle époque, baixo o título "Equipo de fútbol feminino no campo vello de Vilanova". Quen eran esas mulleres? Que sucedeu nese partido? Atopámonos ante unhas pioneiras do que a principios do século XX era un tabú? Fronte a eses interrogantes, o espectáculo ofrece un mergullo nas curiosidades das travesías de vida feminizadas.
“Tabú” diríxese ao público adulto e está creado por Esther Latorre e Hugo Pereira, que tamén interpretan a peza, xunto a Clara Ferrao, Sybila Gutiérrez, Fran Martínez e Paula Quintas. Para ver o teaser do espectáculo podes premer nesta ligazón.
Colectivo Glovo
Colectivo Glovo naceu no ano 2016 baixo a dirección de Esther Latorre (España) e Hugo Pereira (Portugal), xerando así un espazo de creación onde ambos, intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa. Residentes en Galicia, traballan na creación da escena tanto para teatros coma espazos non convencionais, xa que un dos seus principais obxectivos como compañía é aumentar as dimensións do alcance das dinámicas do corpo. Glovo admite a súa paixón pola linguaxe do movemento e persegue a investigación das novas expresións escénicas partindo do propio corpo sen límites establecidos.
Paralelamente a esta faceta creativa, a compañía busca aportar semente ao tecido artístico presente na comunidade xerando espazos de colaboración con outras agrupacións e artistas procurando o achegamento entre o maior número de creadores, intérpretes e mentes-corpo inquedas, non só en Galicia, senón cunha proxección internacional notable, facendo especial fincapé no interese pola eliminación da barreira cultural invisible entre Galicia e o norte de Portugal.
A compañía formou parte do circuíto Red Acieloabierto, do catálogo Danza a Escena 2021, Danza a Escena 2023, do catálogo de recomendación da Comisión Asesora do Programa.cat 2023 de Cataluña e presentou en feiras como MAPAS Mercado Cultural ou a Feria Internacional de Teatro e Danza de Huesca, entre outros.
Venda de entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 5 euros (a xeral) ou 2,5 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non completase aínda o aforo. Rógase aos espectadores puntualidade.