Solapas principales

A programación do Mes de Saúde en Ames inclúe charlas, actividades físicas, unha xornada sobre a saúde mental e maila II Feira da Saúde e Ben-Estar

Jueves, 07 de abril de 2022

Coincidindo co Día mundial da Saúde, que se celebra hoxe 7 de abril, a Concellaría de Promoción da Saúde presentou esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a programación do Mes da Saúde en Ames. Dita programación comezou este pasado luns, 4 de abril cunha exposición da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que está exposta na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, para hoxe hai programadas dúas andainas simultáneas dende Bertamiráns e O Milladoiro pola Senda Verde. O 11 de abril haberá unha charla do doutor, Ángel Carracedo, no Milladoiro. Do 19 ao 22 de abril haberá diversas actividades no interior do Pazo da Peregrina ou nos xardíns do Pazo impartidas por diferentes asociacións e polo propio Concello. A programación pecharase o sábado, 23 de abril, coa II Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames e coa primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente.

O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación da programación do Mes da Saúde en Ames, que se vai desenvolver ao longo deste mes de abril. No acto de presentación estiveron a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, e maila técnica municipal do departamento de Promoción da Saúde, Rosana Martínez.

Dita programación comezou este pasado luns, 4 de abril, cunha exposición da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que estará exposta na Casa da Cultura do Milladoiro ata o vindeiro luns 11 de abril. Trátase dunha mostra conmemorativa do 50 aniversario da Fundación Científica da Asociación Española contra o Cancro (AECC), que amosa algúns dos avances rexistrados ao longo das últimas décadas fronte a esta enfermidade. Na Fundación Científica AECC levan 50 anos apoiando a investigación en cancro para mellorar a calidade de vida das persoas e acadar o 70% de supervivencia en 2030.

O obxectivo desta exposición, que está estruturada en diversos paneis informativos, non é outro que o de facer visibles algúns dos avances impulsados desde a AECC que serviron de utilidade na loita contra esta patoloxía, desde a súa prevención ata o desenvolvemento de novos tratamentos máis eficaces. A clausura da mostra será o luns 11 de abril, ás 19.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, cunha charla do doutor, Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC) e investigador financiado pola Asociación Española Contra o Cancro.

Andainas saudables pola Senda Verde
Ademais, para hoxe ás 17.30 horas hai programadas dúas andainas simultáneas con saída dende os centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro. As persoas que participen nestas andainas percorrerán parte da Senda Verde, ata chegar á igrexa de Bugallido, que servirá de punto de encontro. Alí tomarán un aperitivo e volverán ao punto de inicio en autobús. Para participar nestas andainas non é necesario inscribirse previamente. Tan só hai que estar diante do centro de saúde de Bertamiráns ou do Milladoiro un pouco antes do inicio das andainas. Polo tanto, haberá que estar arredor das 17.20h, para comezar ás 17.30 horas.

As persoas que partan dende o centro de saúde de Bertamiráns percorrerán uns 5 quilómetros, mentres as que saían dende o centro de saúde do Milladoiro terán que camiñar un pouco máis, 5 quilómetros e medio. Estímase que a duración das andainas será de arredor dunha hora e cuarto ou hora e media. As persoas que participen nesta actividade irán acompañadas dun monitor de marcha nórdica, que instrúe ás persoas que desexen voluntariamente practicar esta modalidade. Estas andainas teñen unha dificultade media-baixa.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, dixo durante a presentación “despois do éxito que tivo o ano pasado a primeira Feira da Saúde, este ano quixemos dar un paso máis. En lugar de quedarnos nunha fin de semana, decidimos dar máis protagonismo ás asociacións participantes, xa que vimos que algunha charla ía escasa de tempo, e facer o Mes da Saúde. Hoxe comezamos cunha dobre andaina dende O Milladoiro e Bertamiráns, aínda que a semana forte será a do 19 ao 23, culminando nese sábado onde teremos todas as carpas coas asociacións e a xornada de saúde mental infanto-xuvenil na Casa da Cultura de Bertamiráns”.

Actividades do 19 ao 22 de abril
Do 19 ao 22 de abril impartiranse 10 charlas a cargo das  asociacións AGADEA, AEPNAA, ACEGA, Asociación Española Contra o Cancro en Ames, Alcohólicos Anónimos, ALCER Coruña, Fonte da Virxe, AGAPA, ASANOG e QuerENDO. Todas as charlas serán no interior do Pazo da Peregrina. Non é preciso inscribirse previamente para asistir a estas actividades.

A primeira charla será impartida por Alfredo Saborido Pérez, coordinador e traballador social de ALCER Coruña, o martes, 19 de abril, ás 17.30 horas. Terá unha duración aproximada de hora e media e tratará sobre a solidariedade social e a doazón de órganos. A continuación, ese mesmo día, ás 19.00 horas, Nuria Colmenero Lama, do departamento de restauración e seguridade alimentaria de ACEGA impartirá outra charla sobre sobre a enfermidade celíaca e a dieta sen glute.

O mércores, 20 de abril, ás 16.30 horas, haberá unha nova charla. Nesta ocasión será impartida por Cristina Porta Gayoso, delegada de AEPNAA en Pontevedra, sobre A escola das Alerxias. O día seguinte, o xoves, 21 de abril, ás 11.30 horas, será a quenda de Fátima Miranda Mera, coordinadora do Centro de día Salgueiriños e traballadora social de AGADEA e Andrea Muíños Monteagudo, psicóloga de AGADEA. Falarán sobre os recursos e terapias non farmacolóxicas en persoas con demencia tipo alzhéimer. Tamén o xoves 21 de abril, ás 17.00 horas, haberá unha charla a cargo da Asociación Española Contra o Cancro en Ames. Lucía Álvarez-Santullano, psicóloga da Xunta local de Santiago de Compostela da AECC falará sobre  como se lle explica a un fillo/as que teño cancro.

O venres, 22 de abril, haberá cinco charlas. A primeira será ás 11.30 horas, a cargo de Verónica Ramilo, da asociación QuerENDO, sobre a endometriose A epidemia oculta. Pola tarde, ás 17.30 horas,  José Cougil Bugallo, presidente da asociación AGAPA, falará sobre a situación do amputado/a actual en Galicia. De seguido, ás 18.00 horas, Lois Pose Santos, educador social da asociación Fonte da Virxe, impartirá a charla Acompañamento comunitario e atención no rural a saúde mental, relato dunha experiencia. Ás 19.00 horas será a quenda de Maria Alejandra Gómez, psicóloga de ASANOG. A última charla está prevista para ás 20.00 horas a cargo da asociación de Alcohólicos Anónimos. O doutor Crespo, médico de familia, e maila doutora Mercedes, pediatra, falarán sobre como Alcólicos Anónimos traballa na súa comunidade.

Actividades de mantemento físico
Por outra banda, programáronse unha serie de actividades de mantemento físico que se desenvolverán na zona exterior do Pazo da Peregrina. A primeira será o martes, 19 de abril, ás 16.30 horas, nos xardíns do Pazo, onde se vai impartir durante unha hora ioga terapéutico adaptado. Para participar nesta actividade hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

O mércores, 20 de abril, realizaranse dúas actividades máis nos xardíns do Pazo. A primeira, que se desenvolverá de 16.30h a 18.30 horas, estará centrada en xogos infantís e ten por título Pesca o teu menú e un prato con moito tino. Este mesmo día, ás 17.30 horas, farase outra actividade de marcha nórdica consciente (pre-pilates e exercicios bioenerxéticos), que terá unha duración aproximada de hora e media. Para participar nesta actividade hai que levar unha esterilla e hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

O xoves, 21 de abril, dende as 17.30 horas, haberá unha nova andaina do programa SaúdeAndo que saíra dende o centro de saúde do Milladoiro. Por último, o venres 22 de abril, ás 16.30 horas, nos xardíns do Pazo da Peregrina, impartirase unha sesión de taichi-chikung a cargo da asociación ConArtritis. Terá unha duración aproximada dunha hora. Neste caso, as/os participantes terán tamén que levar unha esterilla e hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

A técnica municipal do departamento de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, explicou “este ano contamos ao final con 14 asociacións, que van acompañarnos cos seus stands, e ás que lles ofertamos a posibilidade de ter os seus propios espazos. Todas elas contarán cun oco para realizar unha charla ou calquera outra actividade no Pazo da Peregrina. Deste xeito, contaremos con 10 charlas de diferentes asociacións e actividades en exteriores diarias, do 19 ao 22 de abril. Todas serán nos exteriores do Pazo, con propostas para adultos e público infantil. Valoramos moi positivamente a feira do ano pasado, e neste 2022 dámoslle un pulo extra para que dure uns días máis. Dende este departamento seguimos coma sempre, apostando pola saúde paso a paso”.

II Feira da Saúde e Ben-Estar
A programación do Mes da Saúde de Ames pecharase o sábado, 23 de abril, coa celebración simultánea da segunda edición da Feira da Saúde e Ben-Estar e da primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente. Un total de 14 asociacións (ALCER, ANEDIA, ACEGA, AGADEA, ACEM, AECC, ASANOG, Fonte da Virxe, Alcohólicos Anónimos, QuerENDO, AMICO, AGAPA, CON-ARTITRIS E AEPNAA) montarán os seus stands na zona exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns co obxectivo de proporcionar información a todas aquelas persoas que se acheguen por alí.

Xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente
Ao mesmo tempo desenvolverase a primeira xornada dedicada á saúde mental e ao benestar das crianzas e da mocidade. A xornada Coidados á mente acollerá tres conferencias, unha mesa redonda e dous talleres simultáneos, que tratarán temáticas diversas como as relacións interpersoais, o xogo e o xogar ou as adiccións. As tres charlas desenvolveranse pola mañá e estarán enfocadas á saúde infantil. Pola tarde, impartiranse os talleres e a mesa redonda que terán como protagonistas o benestar dos adolescentes.

As actividades desta xornada poderanse seguir de xeito presencial na Casa da Cultura de Bertamiráns ou ben a través de streaming. A xornada está dirixida a profesionais de todos os sectores que traballan coa xente moza, ou ben a familias interesadas no benestar psicolóxico. Para inscribirse, de balde, cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico amesjornadasaludmental@gmail.com, indicando datos persoais e se se asistirá presencialmente ou a distancia. Preme aquí para consultar a programación ao completo da xornada.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames diseña un Mes de Saúde con una veintena de actividades"

El Correo Gallego: "La Asociación contra o Cancro y Carracedo abren el Mes da Saúde"

AMSGO!: "Abril é o Mes da Saúde en Ames"

Enfoques: "Charlas, ejercicio y una jornada de salud mental en el Mes de Saúde de Ames"

Presentación da programación do Mes de Saúde en Ames

Multimedia

  • Presentación da programación do Mes de Saúde en Ames
  • Cartel da exposición da Asociación Española Contra o Cancro (AECC)