Solapas principales

A programación infantil de Apego deste trimestre comeza de xeito virtual este xoves con “Contos de medo que deixan durmir”

Lunes, 26 de octubre de 2020

A sesión, que estaba prevista para realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro o vindeiro xoves, 29 de outubro, ás 18.00 horas, poderase desfrutar dende calquera dispositivo con pantalla. Deste xeito, non haberá limitacións de aforo pero é imprescindible a inscrición previa antes do mércores 28 enviando un correo a normalizacion@concellodeames.

A programación infantil con Apego para o último trimestre do ano 2020 comeza o vindeiro xoves, 29 de outubro, coa actividade “Contos de medo que deixan durmir”. A sesión estaba prevista para realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas, pero por mor das restricións para frear a expansión da Covid-19, finalmente farase de xeito virtual.

O xoves 29, en calquera momento entre as 17.00 h e as 21.00 h, as persoas inscritas poderán premer nunha ligazón e acceder a actividade.

Deste xeito, todos os nenos e nenas a partir de 3 anos, sen limitacións de aforo, poderán desfrutar dende as súas pantallas de Caxoto Contacontos. A obra ofrecerá recursos para que a rapazada aprenda a afrontar o medo, a rirse del, a sacarlle proveito e a transformalo nunha porta cara a un mundo cheo de emocións e de fantasía.

O prazo de inscrición estará aberto ata o mércores 28 de outubro. Para anotarse é preciso enviar un correo a normalizacion@concellodeames indicando nome e apelidos de todas as persoas que se anotan e idade das crianzas. Aquelas persoas preinscritas recibirán, por correo electrónico, unha ligazón que lles dará acceso a sesión de contos de medo que Caxoto está preparando.

O programa Apego
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.

É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

O SNL concertará unha cita para unha pequena entrevista na que se explicará o programa detalladamente e na que se lles entregará ás familias que se sumen unha caixa de benvida, un agasallo con diverso material e recursos moi útiles e atractivos para a crianza.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A actividade infantil “Contos de medo que deixan durmir” realizarase este xoves de xeito virtual"

El Correo Gallego: "Actividades virtuais de Apego para as familias amesás con anotación previa"

A programación infantil de Apego deste trimestre comeza de xeito virtual este xoves con “Contos de medo que deixan durmir”

Multimedia

  • Contos de medo.