Solapas principales

Quedan citas dispoñibles para a expedición de DNIs na unidade móbil que habilitará a Policía Nacional o xoves 12 en Bertamiráns

Lunes, 02 de enero de 2023

Un equipo da Policía Nacional desprazarase ata o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o vindeiro xoves, 12 de xaneiro, co obxectivo de facilitar a expedición do Documento Nacional de Identidade (DNI) á veciñanza amesá. O horario será de 9:00 a 12:30 horas, e aínda quedan dispoñibles ocos para atender 35 citas ao longo da mañá. As persoas interesadas en asistir deben escribir ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao número 881 074 730 para aportar nome, apelidos e un teléfono de contacto.

Para expedir o DNI será necesario aportar un volante de empadroamento e unha partida de nacemento literal. No caso de que a cita sexa para o primeiro documento de identidade dun neno ou nena, pídese que este saia nas fotos cos ollos abertos.

Tras a primeira fase de recepción dos cidadáns e da documentación, que se fará o día 12, os integrantes do equipo móbil da Policía Nacional procederán á impresión física dos DNIs na oficina central de Santiago. Posteriormente, volverán a Ames para entregalos, o día 16 de xaneiro. Dende o corpo da Policía recordan que é preciso que os cidadáns acudan de xeito presencial en ambas fases do proceso, posto que do contrario non se poderá facer entrega dos DNIs, provocando molestias innecesarias para a veciñanza e para o servizo.

A unidade móbil habilitarase durante tres xornadas ao longo do ano 2023
Esta colaboración entre a Policía Nacional e o Concello facilita a expedición do DNI para a veciñanza, que habitualmente ten que desprazarse ás dependencias policiais de Santiago de Compostela para efectuar o trámite. Co fin de axilizar as xestións, a unidade móbil habilitarase en Bertamiráns noutras dúas datas ao longo do ano: o mércores 7 de xuño e o martes 7 de novembro, en horario de 9:00 a 12:30 horas.

Deste xeito, as persoas que garden cita para o 7 de xuño deberán recoller o DNI no Pazo da Peregrina o día 9 dese mes; mentres que os que acudan o 7 de novembro deberán recollelo o 9 dese mesmo mes.

O proceso de inscrición será o mesmo para as tres xornadas, de maneira que os cidadáns que queiran reservar cita deberán escribir ao correo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao número 881 074 730 para aportar o seu nome, apelidos e teléfono.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Aún quedan plazas libres para renovar el DNI sin salir de la capital maiana"

Ao longo de todo o ano 2023 habilitaranse tres datas para expedir o DNI na unidade móbil