- Tematica
A andaina saudable pola Senda Verde que une as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro forma parte das actividades programadas co gallo da III Semana Europea da Mobilidade. Desenvolverase o domingo, día 19 de setembro a partir das 10:00 horas, con saída da igrexa de San Xosé do Milladoiro. Haberá servizo de autobús que partirá de Bertamiráns ás 9:45h e regresará ao remate da actividade. A ruta, de dificultade media- alta, abrangue case 14 quilómetros e está limitada a 50 prazas. A maior parte delas esgotáronse nas primeiras horas, logo de que se anunciase o evento. Para acceder a algunha das prazas que aínda están dispoñibles é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal
A concellaría de Benestar Social, conxuntamente coa de Transición Ecolóxica, colabora na III Semana Europea da Mobilidade que organiza a concellaría de Mobilidade poñendo en marcha esta andaina saudable pola senda que une as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Unha mostra mais da transversalidade da promoción da saúde, a movilidade sostible e o coidado do medio ambiente, e mais tendo en conta o lema da Semana Europea deste ano: pola túa saúde , móvete de forma sostible. "A proposta deste percorrido tamén quere poñer en valor esta Senda Verde que une os dous núcleos do concello a través de vellos camiños e novas pistas forestais que percorren zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico”, manifesta a concelleira de Servizos Sociais, Luisa Feijóo. Feijóo engade que “unha vez mais gañaremos saúde con cada paso desfrutando da natureza, da boa compaña e da boa conversa”.
A Semana Europea da Mobilidade nace no ano 2002 para instar ás cidades e pobos europeos a adicar uns días a difundir a mobilidade sostible. O lema da presente edición é “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, súmase á iniciativa organizando unha programación específica. Ademais da andaina pola Senda Verde, no programa destacan a marcha ciclista nocturna que se desenvolverá o venres, 17 de setembro, actividades e xogos populares en bici para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos que terá lugar o sábado, 18, e “Escola de Bici”, un taller de iniciación ao deporte da bicicleta para mulleres maiores de 55 ano que se impartirá os días 16, 17 e 18 de setembro no aparcamento de Agriños no Milladoiro.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Últimas plazas para hacer este domingo la Senda Verde desde O Milladoiro"