Solapas principales

Quedan prazas libres para participar na andaina polo Mar de Ovellas prevista para o domingo 27 de abril

Jueves, 24 de abril de 2025

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou para este domingo 27 de abril unha andaina polo Mar de Ovellas. Esta actividade, que está incluída na programación de Rosalía 2025, tivo que ser adiada en dúas ocasións por inclemencias meteorolóxicas. As persoas que queiran participar na andaina teñen que escribir un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Trátase dunha ruta de dificultade media que parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. A andaina estará teatralizada polos Quinquilláns e Lupe Blanco. A actividade rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos.

Este domingo, 27 de abril, en horario de 10.00 a 14.00 horas, volve a organizarse, por segundo ano consecutivo, unha andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema rosaliano “A probiña, que está xorda...!”. O dito poema localízase nesa costa e está recollido no libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”, editado polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía de Castro cunha introdución explicativa da escritora e experta rosaliana María López Sández.

“Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía” afonda na relación entre as Terras da Maía e propia vida e obra da autora. Así, no libro percórrense os distintos escenarios do concello amesá vinculados á vida e á obra da escritora. Entre eses escenarios podemos atopar o Pazo da Peregrina, os Muíños de Lapido, a casa paterna de Rosalía en Ortoño e a costa de Mar de Ovellas, mencionada no poema “A probiña, que está xorda!”.

Ruta teatralizada polos Quinquilláns e pola regueifeira Lupe Blanco  
A andaina polo Mar de Ovellas desenvolverase coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco. Durante o camiño haberá diferentes paradas nas que o grupo de teatro Os Quinquilláns e Lupe Blanco nos achegarán á obra, á traxectoria e á vinculación da escritora co concello de Ames.

As persoas que queiran participar nesta actividade, que se vai realizar o domingo 27 de abril, das 10.00 ás 14.00 horas, teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e lugar onde prefiren subir ao autobús (O Milladoiro ou Bertamiráns).

A andaina parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. O percorrido será de 5 quilómetros, de dificultade media, cunha subida de ata o 10% de desnivel e cunha duración aproximada de dúas horas. A actividade rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos.

Para acudir á andaina ofrécese servizo de autobús, con saída ás 10.00h dende a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15h do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O regreso farase en autobús cando remate a degustación de petiscos.

Rutas escolares polo Mar de Ovellas
Ademais desta ruta para público xeral, organizáronse andainas adaptadas para o alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro cun percorrido máis curto que permitiu desenvolver a actividade no horario escolar de tarde. Realizouse a primeira o martes 18 de febreiro para o alumnado do IES do Milladoiro. A segunda foi o martes 11 de marzo tamén para o IES do Milladoiro, e na do luns 17 de marzo participou o alumnado do IES de Bertamiráns.

Quedan prazas libres para participar na andaina polo Mar de Ovellas prevista para o domingo 27 de abril