- Tematica
Do diagnóstico á acción. A colaboración entre a Real Academia Galega e o Concello de Ames en materia de lingua e infancia e mocidade continuará nos vindeiros meses co desenvolvemento dun proxecto colaborativo que porá en marcha iniciativas de dinamización lingüística alén das aulas. Modo galego, actívao! chegará aos arredor de 3000 nenos e nenas do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizados nos sete centros educativos que imparten estas etapas no que é o maior termo municipal da zona periurbana da comarca compostelá. Como aconteceu na investigación que permitiu trazar o mapa sociolingüístico escolar do concello, as accións implicarán non só o día a día nas escolas, tamén as actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local, que constitúen espazos de socialización de crecente importancia en múltiplos planos, tamén no que atinxe ao comportamento lingüístico.
“As principais novidades que introduce Modo galego, actívao! son, por unha banda, a implicación da administración local e, por outra, que pon o foco tanto dentro coma fóra das aulas, nos servizos de conciliación e nas actividades extraescolares e complementarias, tendo en conta todas as persoas que traballan na súa prestación e non só o profesorado”, salienta o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. “Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo; por tanto, teñen un importante papel que desempeñar neste sentido”, reflexiona.
A execución do proxecto contará coa avaliación, o asesoramento e o seguimento do Seminario de Sociolingüística da RAG, que analizará o desenvolvemento dende a perspectiva científica e recollerá os resultados nun informe. A RAG espera que a experiencia sexa posteriormente reproducible noutros municipios. “A Academia non ten capacidade para acompañar a todos os concellos de Galicia pero concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicable e extensible a outros municipios”, engade o sociolingüista.
Unha proposta colaborativa con medidas para todas as partes implicadas
Henrique Monteagudo presentou hoxe o proxecto nos micrófonos de Ames Radio xunto á concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o concelleiro de Educación, David Santomil, que salientaron tamén a magnitude desta experiencia. “O Concello de Ames segue a colaborar estreitamente coa RAG para desenvolver unha campaña de sensibilización e fomento do uso do galego na infancia. Naqueles espazos de competencia municipal, como é o caso dos programas de conciliación, traballaremos de forma activa coa rede de monitorado e co persoal municipal”, salientou David Santomil. “Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares do municipio. É por isto que, como non pode ser doutro xeito, agradecemos e colaboramos con todas as intervencións que se leven a cabo coa finalidade de reverter a situación da nosa lingua entre a poboación máis nova. É o momento de actuar e de sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións implicadas”, engadiu Escarlata Pampín.
Modo galego, actívao! desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O proxecto deseñouse tendo en conta a perspectiva dos diferentes actores implicados e ofrecerá, entre outras medidas, accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias. Prestaráselles tamén asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, acompañarase os colexios na revisión dos proxectos lingüísticos de centro e facilitaráselles a todas as partes material didáctico e apoio á formación.
O traballo cos cativos e cativas implicará diferentes actividades de dinamización lingüística inspiradas noutras de éxito recoñecido, pero adaptadas ás características do proxecto. O luns 27 de febreiro as escolas infantís do Milladoiro, de Covas e A Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño iniciarán unha experiencia de inmersión lingüística inspirada en 21 días co galego que se estenderá ao conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares e mais ao espazo público, amplificando a experiencia. Promoveranse tamén actividades interxeracionais, organizaranse encontros con persoas que funcionen como referentes galegofalantes para a xente nova, reflexionarase sobre os prexuízos lingüísticos e crearanse grupos de discusión e outros espazos de participación con familias migrantes. No traballo cos nenos e nenas farase especial fincapé na introdución das novas tecnoloxías e na expresión das emocións en galego entre outras actividades, segundo debullaron o académico e os concelleiros en Ames Radio.
Os antecedentes
Modo galego, actívao! dálle continuidade á investigación que o Seminario de Sociolingüística da RAG está a desenvolver nos últimos anos no Concello de Ames. O estudo comezou cunha colaboración co CEIP Agro do Muíño e a administración municipal que deu lugar á publicación A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018). Posteriormente, a análise estendeuse a todo o termo municipal e a todas as etapas de ensino non universitario. Os resultados fixéronse públicos no Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), no que se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. A partir deste diagnóstico, o curso pasado editouse unha guía para educadoras e educadores titulada Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames desenvolve un proxecto piloto de inmersión en galego"
El Correo Gallego: "RAG y Ayuntamiento de Ames lanzan un proyecto para frenar el abandono del gallego entre los niños"
AMS GO!: "A RAG e o Concello de Ames colaboran nunha nova iniciativa pola normalización do galego na infancia"