- Tematica
O I Torneo Provincial de Xadrez de Xogade que se celebrou de maneira online contou coa participación de rapazada de Bertamiráns, que acadou uns moi bos resultados. Dividido entre as categorías sub 10 e sub 14, celebrouse unha única fase o sábado 18 de abril para a categoría sub 10. No caso da categoría sub 14 tamén se celebrou unha fase final o domingo 19, no que se enfrontaron de maneira directa os 4 primeiros clasificados da primeira fase.
A primeira fase do torneo de xadrez online organizado por Xogade celebrouse o sábado 18 de abril para ambas categorías. Nela enfrontáronse todos/as os/as nenos/as contra todos/as, salvo os membros do mesmo equipo. Posteriormente celebrouse a fase final da categoría sub 14 o domingo 19 de abril, no que se enfrontaron de maneira directa os 4 primeiros clasificados desa primeira fase.
A categoría sub 10
A categoría sub 10 celebrouse nunha única fase o sábado 18 de abril. Esta deu como resultado a seguinte clasificación na categoría sub 10: o primeiro posto para Xadrez Negreira con 117 puntos, a segunda posición para Círculo Xadrez Narón sub 10 con 78 puntos, a terceira posición para Peleteiro sub 10 con 68 puntos, a cuarta para Escola de Xadrez Brétema coa mesma puntuación e a quinta para Xadrez Bertamiráns con 61 puntos.
En canto a nivel individual, nesta primeira fase destacaron os 50 puntos de TREX-2010 de Narón, os 42 puntos de Nico-Amado de Negreira, os 30 de Gaelinho de Bertamiráns e os 30 de HugoDB de Negreira.
A categoría sub 14
Ao igual que na categoría sub 10, realizouse unha primeira fase na que se enfrontaron todos os nenos/as contra todos, salvo os membros do mesmo equipo. A maiores, levouse a cabo unha segunda fase na que se enfrontaron os catro primeiros equipos da primeira fase.
A primeira fase deu como resultado a primeira posición para o equipo de Bertamiráns, con 107 puntos. Seguiulle en segunda posición Escola Xadrez Compostela, con 105 puntos, en terceira posición Xadrez Brétema con 105 puntos, Club USC en cuarta posición con 94 puntos e Xadrez Lousame en quinta posición con 66 puntos.
A nivel individual destacan os 36 puntos de Davidbrétema (Brétema), os 34 de Melonovich (USC) os 32 de Hugodomínguez (Bertamiráns), os 32 de Tonxadrez (USC), os 32 de Noelberta (Bertamiráns) e os 30 de NeryCereijo (Escola Xadrez Compostela).
Así, tras esta primeira fase enfrontáronse os 4 primeiros equipos clasificados, é dicir: Bertamiráns, Escola Xadrez Compostela, Brétema e USC.
E xa na clasificación final, resultaron gañadores coa primeira posición Brétema con 8.5 puntos, coa segunda posición Escola Xadrez Compostela con 5.5 puntos, coa terceira USC con 5 puntos e na cuarta posición Bertamiráns tamén con 5 puntos.
Medallas para todos os participantes
Asemade, entregouse unha medalla por participante, e incluso se chegou a incrementar o número de medallas entregadas xa que debido a un erro na plataforma, moitos nenos/as non puideron xogar.
Desta maneira, Bertamiráns levou 26 medallas, Peleteiro levou 23, Oroso levou 18, Brétema 14, Arteixo 12, Lousame 11, Escola Xadrez Compostela 10, Negreira levou 9, Narón 7, Carballo 7 e Vedra 5.