- Tematica
O deportista Raúl Rodríguez Paulino, da escola de kárate amesá Dokkodo, acaba de ser convocado pola Federación Galega de Kárate para participar no Campionato de España, que se celebrará os días 22 e 23 de abril na cidade de Cáceres. Rodríguez Paulino recibiu a noticia tras gañar sendas medallas de ouro no Campionato Galego, que tivo lugar o 25 de febreiro, e na 2ª Xornada da Liga Galega, disputada o 11 de marzo, na categoría kumite xuvenil -48 kg.
No Campionato Galego, celebrado en Santiago de Compostela, o karateka realizou unha gran actuación, logrando o primeiro posto, que reeditou na segunda xornada da Liga Galega de Kárate, na categoría de Xuvenil Masculino Avanzado -48 kg. En toda a competición, Rodríguez Paulino recibiu tan só un punto en contra, e volvendo a gañar con solvencia. O seguinte reto para o deportista será o Campionato de España, que terá lugar en Cáceres os días 22 e 23 de abril.
Así mesmo, dende o club destacan a gran labor do resto de alumnos da Escola que participaron na segunda xornada da liga: Tiago Blanco Calvo (ouro en kata xuvenil masculino iniciación), Xián Blanco Calvo (prata en kumite alevín masculino <34 kg avanzado), Jadel Rodríguez Paulino (prata kumite alevín masculino >34 kg avanzado) e Rubén Sainz Rodríguez (bronce en kata cadete masculino iniciación e prata en kumite cadete masculino iniciación <63 kg).