- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa sobre o sorteo dos vales de Nadal por valor de 850 euros, que se poderán trocar nos locais asociados á Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). En dito sorteo participaron os nenos e nenas que participaron nos talleres e xogos do mundo incluídos na programación de Nadal do Concello de Ames. Tamén participaron no sorteo aquelas persoas que realizaron compras durante o período de Nadal nos establecementos comerciais asociados a XEA. Chamarase por teléfono a todos/as os/as gañadores/as para entregarlles o premio. Preme nesta ligazón para comprobar a listaxe das persoas gañadoras dos vales de Nadal.
Este luns 16 de xaneiro realizouse no local da Xuntanza de Empresarios de Ames o sorteo dos vales que se poderán empregar para mercar no comercio local de Ames. Ditos vales poderanse trocar nos comercios adheridos a XEA. A dito sorteo asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o presidente de XEA, Jorge López, e outro persoal de dita asociación. Deste xeito, sorteouse un vale por valor de 200 euros, un de 150 euros, e outro de 100 euros. Ademais, sorteáronse 20 vales de 20 euros.
No sorteo participaron os nenos e nenas que asistiron aos talleres e xogos do mundo incluídos na programación de Nadal do Concello de Ames e mailas persoas que realizaron compras durante o período de Nadal nos establecementos comerciais asociados a XEA.
Cómpre lembrar que dentro da programación de Nadal do Concello de Ames impartíronse unha serie de obradoiros de creacións artesanais, os talleres e xogos do mundo, nos que se traballou con elementos típicos de Nadal. Realizáronse actividades de creación de xabóns personalizados e naturais, de coroas de Nadal, de calcetíns con motivos do Nadal, de galletas artesanais, de chuches saudables e de chaveiros. Impartíronse o mércores 28, o xoves 29 e o venres 30, nas prazas de Manuel Murguía, no Milladoiro, e da Maía, en Bertamiráns.
Para participar en ditos obradoiros era necesario presentar un tícket de compra no comercio ou na hostalaría local. As mesmas entradas empregadas para participar nos talleres e xogos do mundo serviron para entrar no sorteo dos vales de XEA.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou “a boa acollida que tiveron os obradoiros e xogos do mundo realizados a finais de decembro nas carpas instaladas nas prazas da Maía, en Bertamiráns, e de Manuel Murguía, no Milladoiro. Os tíckets que se empregaron para participar en ditas actividades tamén serviron para poder optar aos vales que sorteou XEA. A través desta iniciativa tratouse de fomentar e dinamizar o comercio e maila hostalaría local durante a época de Nadal”.
O presidente de XEA, Jorge López, explicou que “dende XEA colaboramos un ano máis co Concello de Ames na programación de Nadal para tratar de dinamizar o comercio e hostalería local. Este ano contribuímos achegando 23 vales de compras por valor de 850 euros para que a veciñanza de Ames poida gastar nos establecementos comerciais adheridos a nosa asociación. Sorteouse un premio de 200 euros, outro de 150 euros, un de 100 euros e vinte premios de 20 euros, para gastar entre os nosos asociados”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Veintitrés clientes de los comercios amesanos ya tienen premio navideño"