- Tematica
A Atalaia de Porto do Son, un dos lugares de inicio do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, e desde o que podemos ver xusto enfronte o outro de Muros, foi o lugar seleccionado para celebrar o pasado 18 de marzo unha nova reunión da Asociación de Concello do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia. En dita xuntanza participaron os 9 concellos membros da Asociación, entre os que se atopa Ames.
En dita reunión participaron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, que ostenta a presidencia da Asociación; o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo; o alcalde de Noia, Santiago Freire; a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo; o alcalde de Outes, Manuel González; o tenente alcalde de Rois, Manuel dos Santos; o alcalde de Brión, Pablo Lago; o concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, que é o secretario da Asociación, e o tenente alcalde Santiago, Gumersindo Guinarte. Por parte do Concello de Ames tamén participou a técnica de Turismo, Sonia Moure.
Na orde do día desta reunión, que se viu atrasada en dúas ocasións como consecuencia das restricións do COVID, tamén se informou das diversas negociacións mantidas ata a obtención da oficialidade do camiño por parte do cabido catedralicio.
De igual forma, púxose en común o conxunto de actividades realizadas en cada un dos 9 concellos para implicar no proxecto ás distintas entidades, asociacións e empresas de cada un dos territorios. Finalmente, presentouse un avance do Plan Estratéxico que impulsará as actuacións con vistas ao Xacobeo22 e aos próximos anos, con especial incidencia no Xacobeo27.
Desde este momento, a Asociación de Concellos do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, comeza unha serie de contactos coa Xunta de Galicia e coa Deputación provincial da Coruña para solicitar novos apoios.
Por outra banda, cómpre lembrar que o Concello de Ames mantivo nas últimas semanas dúas reunións, primeiro co sector empresarial, e posteriormente co sector social e cultura, para presentarlles a ruta xacobea do Camiño da Ría de Muros Noia. Nestas reunións falouse dos beneficios que para Ames supón que o camiño pase polo territorio municipal.
O camiño en Ames
A ruta xacobea Camiño da Ría de Muros Noia entra en Ames, desde a parroquia brionesa de O Tremo, pola aldea de Carballido, continúa por Cantalarrana e desemboca na ponte da Condomiña. Após de atravesar a estrada xeral que une Bertamiráns con Osebe, a ruta continúa pola estrade vella de Ortoño, pasa por Outeiro, Bugallido e Fraiz e chega a a Moniña, no límite con Compostela. O paso do camiño por este traxecto, lindeiro co núcleo urbano de Bertamiráns, constitúe a última etapa da ruta antes de chegar ao concello de Compostela.
Este camiño xa era ruta xacobea no século XII. Recupérase logo dunha investigación de tres anos a través da que, logo de revisar cartografía e documentación histórica, puido acreditar que os peregrinos e peregrinas que completaban a ruta que pasa polos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela, recibirán a “Compostela”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Camino de Santiago por Muros-Noia busca apoyos"
El Correo Gallego: "Plan estratéxico da Asociación de Concellos de cara ao Ano Xacobeo"