Solapas principales

Realízaselle unha recepción a María Estévez, Roi López e Nuno Castro, atletas amesáns do Ames Atletismo e do MillaRaio

Jueves, 06 de julio de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e outros/as concelleiros e concelleiras da Corporación municipal realizáronlle onte pola tarde unha recepción a María Estévez, atleta do Ames Atletismo, que foi campioa galega nos 600 metros lisos e cuarta na proba de 1500 obstáculos no campionato de España sub 16; e aos atletas Roi López e Nuno Castro, do MillaRaio, ambos acadaron a quinta posición no campionato nacional sub 16, nas probas de 600 metros lisos e lanzamento de xavelina, respectivamente.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu onte pola tarde unha recepción a tres atletas amesáns que a pesar da súa xuventude xa acadaron grandes resultados. Trátase de María Estévez, que pertence ao Ames Atletismo, e que durante a pasada temporada acadou o campionato galego nos 600 metros lisos e unha meritoria cuarta posición na proba de 1500 obstáculos no campionato de España sub 16. Ademais, recibiuse a dous atletas do MillaRaio: Roi López Sánchez e Nuno Castro Albán, que acadaron a quinta posición no campionato nacional sub 16, nas probas de 600 metros lisos e lanzamento de xavelina, respectivamente.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destacou que María Estévez, Roi López e Nuno Castro “levan o nome de Ames por todas as competicións nas que participan a nivel local, galego e nacional, conseguindo éxitos polo esforzo que fan eles mesmos e mailos seus adestradores/as. É un orgullo recibilos na Casa do Concello. Cómpre destacar os éxitos destes dous clubs amesáns e dámoslle ánimos para continuar nesta senda, xa que están realizando un gran traballo cos seus atletas, a pesar de que as condicións das instalacións nas que adestran non son as mellores. Dende o Concello estamos traballando para mellorar ditas instalacións e se adecúen as súas necesidades. Desexamos que María, Roi e Nuno continúen conseguindo novos éxitos, pero sobre todo desfrutando do atletismo que é o máis importante”.

O alcalde, Blas García, dixo que “esta recepción é para María, Roi e Nuno, pero tamén a queremos facer extensiva de xeito simbólico a todos os rapaces e rapazas que practica deporte e especialmente atletismo, nunhas condicións que non son as mellores, aínda que agardamos que a final de ano comecen a mellorar coas actuacións que temos previsto realizar dende o Concello e que xa coñecen os representantes destes dous clubs amesáns. Dámoslle os parabéns polo esforzo que fan porque o atletismo é un deporte moi sacrificado. Ademais, hai que destacar que dende os clubs ensinádeslle valores como competir en equipo, crear amizade e compañeirismo entre o grupo, pero ademais ensínaselle a esforzarse para tratar de ir mellorando día a día”.

A continuación, Nuno Castro, Roi López e María Estévez por esta orde, agradeceron este acto de recoñecemento e dixeron que seguirán esforzándose para lograr novos éxitos para o atletismo amesán e tamén seguir acumulando novas experiencias e desfrutando do atletismo.

O alcalde e maila concelleira de Deportes e Promoción da Saúde entregáronlle aos tres atletas un ramo de flores e un prato coa “A” de Ames elaborada pola artesá Ana Rosa Lista que ten o seu taller en Ortoño.

Imaxe grupal da recepción aos atletas do Millaraio e o Ames Atletismo

Multimedia

  • Realízaselle unha recepción a María Estévez, Roi López e Nuno Castro, atletas amesáns do Ames Atletismo e do MillaRaio
  • Realízaselle unha recepción a María Estévez, Roi López e Nuno Castro, atletas amesáns do Ames Atletismo e do MillaRaio
  • Realízaselle unha recepción a María Estévez, Roi López e Nuno Castro, atletas amesáns do Ames Atletismo e do MillaRaio
  • Realízaselle unha recepción a María Estévez, Roi López e Nuno Castro, atletas amesáns do Ames Atletismo e do MillaRaio