Solapas principales

Realizouse o sorteo para elixir os membros das mesas electorais para as eleccións xerais do próximo 23 de xullo

Jueves, 22 de junio de 2023

Este xoves pola mañá celebrouse un Pleno extraordinario na Casa do Concello para tratar un único punto. Nesta sesión plenaria procedeuse ao sorteo, de xeito aleatorio, das persoas que ocuparán as 35 mesas electorais de Ames nas próximas eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado, eleccións que terán lugar o domingo, 23 de xullo. Un total de 24.906 persoas poderán votar en Ames. O persoal do Concello será o encargado de notificarlle a cada persoa que saíu elixida para formar parte dalgunha das mesas electorais.

Preto de 25.000 persoas están chamadas ás urnas en Ames nas vindeiras eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado. Este xoves pola mañá, ás 9:45 horas, celebrouse unha sesión plenaria que serviu para elixir ás persoas que ocuparán as 35 mesas electorais do Concello de Ames nas próximas eleccións xerais, que se celebrarán o día 23 de xullo.

Este proceso levouse a cabo de xeito aleatorio e para iso empregouse un sistema informático no que se meten todas as persoas censadas con dereito a voto que hai no municipio amesán e, de xeito automático, procédese ao sorteo para determinar os integrantes das mesas electorais.

Nestas eleccións haberá 20 seccións, 35 mesas e 14 locais electorais, ao igual que sucedeu nas pasadas eleccións municipais celebradas o 28 de maio. A estas eleccións están chamados un total de 24.906 electores. Respecto das anteriores eleccións xerais, celebradas o 10 de novembro de 2019, incrementou o censo electoral en 899 persoas. O censo das anteriores eleccións foi de 24.007 electores.

O Milladoiro será o núcleo que contará cun maior número de mesas electorais ao ser a localidade con máis poboación con dereito a voto. Deste xeito, O Milladoiro conta con 10.093 electores e 12 mesas electorais, mentres que Bertamiráns dispón de 9 mesas electorais e 6.945 electores. O número total de electores entre Bertamiráns e O Milladoiro ascende a 17.038. O resto de electores, que son 7.868, están repartidos polas urbanizacións do municipio, así como pola zona rural, e disporán de 14 mesas electorais.

Durante as próximas datas, o persoal do Concello de Ames notificaralle a todas as persoas que saíron elixidas que mesa electoral teñen que ocupar. Cada mesa electoral está formada por 3 persoas (1 presidente e 2 vogais) e hai 2 suplentes por cada membro. Polo tanto, por cada mesa electoral realízanse 9 notificacións.

Constitución da Xunta de Goberno Local
Antes da celebración de dito pleno, ás 9.30 horas, realizouse a sesión constitutiva da Xunta de Goberno Local. En dita sesión tamén se realizou a aceptación das delegacións efectuadas pola Alcaldía.

Cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local está composta por Blas García, que na súa calidade de alcalde actúa como presidente, Susana Señorís, Víctor Fernández, Ana Belén Paz e Gustavo Nieto. Deste xeito, redúcese o número de concelleiros/as que forman a Xunta de Goberno Local pasando de sete a cinco membros. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local realizaranse os xoves, ás 9.30 horas, coa periodicidade que se fixe no pleno de organización.

Pleno extraordinario do sorteo das mesas electorais

Multimedia

  • Pleno extraordinario do sorteo das mesas electorais