Solapas principales

Regresan os programas Amessan e Sanauga para os maiores de Ames

Miércoles, 15 de septiembre de 2021

O 4 e o 5 de outubro son as datas para a volta das actividades de “Amessan” e “Sanauga” ao Concello de Ames. “Amessan” aumenta o número de actividades e incorpora o baile en liña e a bailoterapia. Mentres “Sanauga” incorpora unha xornada de seco para que os maiores gañen forza e resistencia. Os interesados poden inscribirse dende hoxe mesmo chamando ao teléfono 662 377 044 ou 699 746 624 en horario de 9:00 a 14:00 horas.

As novidades dos programas AMESSAN E SANAUGA presentáronse esta mañá. Ao acto asistiron a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, o Coordinador da Oficina do Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, o Director do Complexo Deportivo da Piscina Municipal A Telleira, Carlos Amado e Jose García da empresa Os Ventos.

O programa “Amessán” volve con novos obradoiros saudables para os e as maiores de 60 anos. A oferta deste curso inclúe, os xa coñecidos, cursos de decoración e restauración, estimulación cognitiva, ximnasia terapéutica e música tradicional galega. E achega como novidades o baile en liña e a bailoterapia. Son actividades todas elas pensadas para manterse activos e coidar a saúde física e emocional dos maiores do concello.

Os distintos cursos impartiranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Aguapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca.

Un ano máis, tamén, volve “Sanauga”. O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, pon en marcha unha nova edición do programa “Sanauga”, coa finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico das persoas maiores de sesenta anos e/ou persoas que teñan algún tipo de discapacidade. Así, o curso vai encamiñado a mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

Para poder participar nesta actividade, non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.

O programa desenvólvese na piscina do Centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en catro quendas, os luns e os mércores de 9:15 a 10:00h, de 10:00 a 10:45h, e de 10:45 a 11:30h e os martes e xoves cos mesmos horarios. Como novidade, os asistentes disfrutarán, este ano, dunha xornada de "seco". Nesta sesión, que terá lugar os venres, traballarán cardio e forza tanto na sala do ximnasio coma nos exteriores do propio ximnasio.

O prazo de inscrición comeza este mércores
Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044 ou 699 746 624 en horario de 9:00 a 14:00 horas. O periodo de preinscrición é do 15 ao 30 de setembro. O día 30 de setembro publicaranse as listaxes de admitidos/as. Terán prioridade as persoas de maior idade e/ou con patoloxías acreditadas. O Concello de Ames resérvase o dereito a cancelar a actividade por motivos de organización e/ou sanitarios.

“Sanauga” e “Amessan” buscan mellorar a mobilidade
Baixo o lema “Espreguizando corpo e mente” estes dous programas teñen como obxectivo que os maiores coiden a súa saúde física e emocional. Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, estes son dous programas moi importantes para a veciñanza amesá pois o concello conta cun número importante de poboación de máis de 60 anos “este ano intentamos darlle unha volta e innovar ofrecendo actividades atractivas e que se adecúen ás necesidades actuais. Imos manter actividades emblemáticas como a ximnasia terapéutica ou a estimulación cognitiva pero achegando propostas novidosas coma o baile en liña e a bailoterapia”.

Outra das apostas deste curso 2021-2022 é segundo Luísa Feijóo realizar encontros entre os maiores do concello “despois da experiencia marabillosa que tivemos no verán cos “Campamentos senior” decidimos seguir facendo encontros trimestrais para que se poidan xuntar os participantes das diferentes parroquias e dos núcleos urbanos para poder compartir, facer actividades conxuntas, coñecerse e intercambiar experiencias”.

Pola súa banda, o Coordinador da Oficina do Voluntariado de Ames, Rubén Ramos Ruben, quixo amosar a súa satisfacción polo regreso destes dous programas “Amessan e Sanauga teñen ano tras ano un éxito de participación con ao redor de 400 persoas inscritas. Hoxe comezaron as inscricións e todo apunta que se van superar esas cifras”.
E engadiu “o éxito de Amessan e Sanauga radica en que son uns programas moi familiares onde intentamos achegarlle á xente a actividade física, emocional e deportiva pero tamén que fagan familia, por iso os que proban repiten ano tras ano”.

Carlos Amado, o Director do Complexo Deportivo da Piscina Municipal A Telleira, insistiu na importancia de programas coma estes “á xente custoulle moito retomar a actividade, unhas veces por medo e outras porque despois da pandemia se atopan con máis problemas de mobilidade. Por iso este ano Sanauga vén cun día máis de actividade, será unha xornada de seco para que fora da auga os maiores gañen forza para a súa vida cotiá”.

Para rematar, Jose García da empresa Os Ventos quixo louvar o traballo do Concello de Ames con este colectivo tan vulnerable “nós traballamos en todo o territorio nacional e mentres no resto e España se cortou de raíz o traballo con estes colectivos en Ames traballouse para extremar as medidas de seguridade, duplicar horarios, etc o que demostra o compromiso deste concello cos maiores”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Volven pola saúde veciñal Amessan e mais Sanagua"
 

Regresan os programas Amessan e Sanauga para os maiores de Ames

Multimedia

  • Cartel do programa Amessan
  • Cartel do programa Sanauga
  • Regresan os programas Amessan e Sanauga para os maiores de Ames
  • Regresan os programas Amessan e Sanauga para os maiores de Ames
  • Regresan os programas Amessan e Sanauga para os maiores de Ames