Solapas principales

Remata a cuarta edición do campamento sénior do programa Amessán cunha participación de 130 persoas

Domingo, 11 de agosto de 2024

Por cuarto ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, organizou durante o mes de xullo o campamento sénior Amessán 2024, que estivo dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ames. As actividades de dito campamento realizáronse os martes e xoves de cada semana. Participaron arredor de 130 persoas que realizaron diferentes actividades de envellecemento activo. Todos os xoves visitaron diferentes vila galegas: Pontevedra, Oleiros e Boiro.

O campamento sénior Amessán 2024, dirixido a persoas de 60 anos en diante empadroadas en Ames, rematou o martes 30 de xullo. Nesta cuarta edición participaron 130 persoas repartidas en dous grupos: un no Milladoiro e outro en Bertamiráns. As actividades de dito campamento realizáronse os martes e xoves de cada semana, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Ditas actividades foron impartidas polos mesmos monitores que o programa Amessán.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, destaca “ que o campamento sénior é un programa que funciona moi ben. O obxectivo é que os nosos maiores pasen un verán entretido visitando diferentes vilas e cidades galegas e tamén que continúen realizando diferentes actividades de envellecemento activo. Así dáselle continuidade ao programa Amessán durante o mes de xullo”.

Os martes impartiuse actividade física e cognitiva. Deste xeito, dentro das actividades terapéuticas ao aire libre os/as usuarios/as participaron en andainas por Bertamiráns e O Milladoiro, realizaron actividades de ximnasia terapéutica nas prazas, paseos, etc. Estas actividades impartíronse en espazos exteriores: Pazo da Peregrina e parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e praza de Manuel Murguía, contorna da piscina municipal, e anfiteatro do Milladoiro.

Ademais, participaron en actividades cognitivas: actividades de activación de memoria, de relaxación e xogos de cooperación. Estas actividades impartíronse en instalacións pechadas: na Casa dos Maiores do Milladoiro (antigo centro de saúde) e na Casa do Maiores de Bertamiráns, situada na praza da Maía.

Por outra banda, os xoves os/as usuarios/as do campamento sénior participaron en actividades fóra do concello para coñecer diferentes vila galegas. Deste xeito, os días 4, 11 e 18 de xullo visitaron Pontevedra, Oleiros e Boiro. Percorreron estas localidades para coñecer os seus lugares máis emblemáticos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cento trinta persoas gozaron das actividades de envellecemento activo do Amessán"

Remata a cuarta edición do campamento sénior do programa Amessán cunha participación de 130 persoas

Multimedia

  • Remata a cuarta edición do campamento sénior do programa Amessán cunha participación de 130 persoas
  • Remata a cuarta edición do campamento sénior do programa Amessán cunha participación de 130 persoas