Solapas principales

Remata a cuarta edición do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables a través do cal se instalaron 43 paneis solares en Ames e Brión

Martes, 12 de julio de 2022

Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV no que participaron dende o pasado mes de outubro 20 alumnos/as (15 de Ames e 5 de Brión). O acto estivo presidido polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judit Fontela; polos alcalde de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago; as concelleiras de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz, e Brión, Guarina Rey; e polo director do obradoiro, Andrés Novo. Trala intervención das autoridades fíxose entrega dos diplomas ao alumnado participante. Cinco empresas xa mostraron interese na contratación de 14 persoas que participaron neste obradoiro. Un dos participantes xa formalizou o seu contrato laboral e comezou a traballar neste sector.

Hoxe púxose fin á cuarta edición do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables, que desenvolveron os Concellos de Ames e Brión de forma conxunta dende o pasado mes de outubro. Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

Este obradoiro estivo sufragado pola Consellería de Economía Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, cunha inversión de 346.946 euros, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión por valor de 87.696 euros. A través deste obradoiro formouse a 20 alumnos/as (15 alumnos/as de Ames e 5 alumnos de Brión).

Durante nove meses os participantes recibiron formación na especialidade “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas”. Participaron en 1.328 horas de formación, das cales 444 foron de traballo en obra, nas que tamén obtiveron coñecementos sobre fontes de enerxía renovables en xeral. O taller complementou formación teórica e práctica, que se empregou para desenvolver traballos de interese municipal.

Instalación fotovoltaica de 43 paneis
Entre as actuacións realizadas neste obradoiro destaca a instalación fotovoltaica na EDAR do Milladoiro, onde se instalaron 20 paneis; unha instalación fotovoltaica na EDAR da Ameixenda, onde se instalaron outros 12 paneis; e maila instalación aerotérmica e fotovoltaica no Centro Social Polivalente de Brión. Neste centro instaláronse 11 paneis solares e colocouse un sistema de enerxía aerotermia, que contribúa a cubrir os gastos en climatización do edificio. Nestas tres actuacións instaláronse un total de 43 paneis o que supón un aforro de 90 toneladas ao ano de CO2 e 31 toneladas equivalentes de gasóleo.

Ademais, realizaron traballos de mantemento en oito instalacións, nas que se instalaron paneis solares a través do obradoiro Renova III. Deste xeito, realizáronse actuacións de mantemento no centro de formación de Aldea Nova, campo de fútbol de Bertamiráns, Casa da Cultura do Milladoiro, piscina de Bertamiráns, campo fútbol do Milladoiro, Centro Monte Balado de Brión, escola infantil de Brión e pavillón polideportivo de Brión.

Cómpre lembrar que no Renova III colocáronse 208 paneis solares en ditas instalacións que supuxeron un aforro 437 toneladas/ano de CO2 e 151 toneladas equivalentes de gasóleo. Entre os obradoiros Renova III e IV instaláronse un total de 251 paneis solares o que supón un aforro de 527 toneladas/ano CO2 e 182 toneladas equivalentes de gasóleo. O aforro enerxético mínimo é do 60% na factura da luz.

Estes programas de emprego contan cunha ampla aceptación nos sectores nos que se especializan, alcanzando altos niveis de inserción laboral. Neste senso, cinco empresas mostraron interese na contratación de 14 persoas que participaron neste obradoiro. Un dos participantes xa dispón de contrato laboral e outros catro alumnos realizaron un curso de seguridade na empresa que quere contratalos. O obradoiro conta, ademais, con 15.000 euros en incentivos para a contratación do alumnado. Estes incentivos son axudas de 1.500 euros por alumno que se concede ás empresas que contraten durante a lo menos 3 meses aos alumnos do obradoiro.

Concesión dun novo obradoiro para Ames e Brión
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, avanzou que os Concellos de Ames e Brión recibirán fondos da Xunta de Galicia para poder desenvolver a quinta edición do obradoiro de emprego Renova. Tamén dixo que a Xunta vai atender a solicitude feita polos Concellos para que estes obradoiros teñan unha duración de 12 meses. Ademais, incidiu en que “os obradoiros de emprego son unhas das principais ferramentas que ten a Administración para mellorar a empregabilidade porque se centran na realización de obras e servizos de interese social, que xunto coa formación teórica e práctica que se imparte, poden favorecer a inserción laboral”.

Por outra banda, destacou que “se imparte unha formación totalmente personalizada e isto permita achegar unha formación de maior calidade”. Tamén incidiu na colaboración entre administracións, neste caso entre a Xunta de Galicia e mailos Concellos de Ames e Brión. Neste senso, dixo que “nesta comarca a Xunta de Galicia está a desenvolver obradoiros, programas integrais de emprego e accións formativas para desempregados dos que se benefician arredor de 2.000 persoas e que supoñen un investimento que se aproxima aos 7,5 millóns de euros”.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu “o traballo das persoas que están detrás durante moito tempo formando e atendendo as alumnas e aos alumnos, previamente o traballo dos técnicos municipais que nos permiten optar a estes obradoiros e que vós poidades cursalos.  Este tipo de cursos é un dos noso grandes acertos, vémolo no índice de empregabilidade que hai e no éxito que teñen. É moi importante que dende as administracións saibamos traballar conxuntamente. Non me custa traballo dicir que a Consellería de Emprego está a facer un traballo excelente con estes cursos”.
 
Ademais, dixo “estamos falando coa Consellería sobre outro proxecto de formación, que creo que vai ser importante non só para o noso concello, senón que tamén para toda a contorna e para as persoas que están nunha situación de difícil empregabilidade, e que sen dúbida se sae adiante imos ser un exemplo no panorama formativo. Malia non ter competencias no eido formativo, tanto o Concello de Ames como o de Brión apostamos pola formación, xa sexa con estes cursos, cos programas integrais cos que cumprimos sempre os obxectivos que se nos marcan, e hoxe mesmo xa hai xente que fixo este curso e que xa está traballando”.

A concelleira de Emprego do Concello de Brión, Guarina Rey, dixo que “estes obradoiro de emprego son unha das mellores iniciativas que desenvolve a Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos. Os obradoiros permiten mellorar a capacidade formativa dos nosos veciños e veciñas para poder optar a un posto de traballo. Ao mesmo tempo realízanse unha serie de actuacións de interese social que permiten mellorar as instalacións municipais”. Tamén destacou a colaboración co Concello de Ames “para desenvolver os programas integrados de empregos que acadan un alto nivel de inserción laboral”.

Pechou o acto a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz, que agradeceu “o traballo dos axentes de desenvolvemento local dos Concellos de Ames e Brión e do persoal administrativo do departamento de Promoción Económica do Concello de Ames”. Tamén agradeceu “o traballo tanto do equipo directivo e docente do obradoiro coma do alumnado que participou en dito obradoiro pola súa implicación e polo traballo realizado en Ames e Brión”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Brión y Ames contarán con un quinto taller dual de empleo en renovables"

El Correo Gallego: "Ames e Brión apoian que se estuden as enerxías renovables"

Enfoques: "Ames y Brión tendrán un nuevo taller de empleo en energías renovables ampliado"

Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV

Multimedia

  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • Imaxe do acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV