- Tematica
Un grupo de 20 persoas participou, durante este mes de outubro, nunha nova edición do obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento!” que se desenvolveu no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A través desta actividade, dirixida a persoas de fóra de Galicia, pretendeuse que os/as participantes adquirisen nocións básicas de lingua e cultura galegas para contribuír á súa integración. Este mesmo obradoiro vaise desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro a partir da próxima semana, cun grupo de 25 persoas.
Un ano máis, os departamentos de Normalización Lingüística e de Benestar Social de Ames puxeron en marcha o obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento”, unha actividade de balde que consistiu nunha formación de 30 horas repartidas en 20 días e dirixida a todos os veciños e veciñas que chegan a Ames procedentes de fóra de Galicia. Os participantes do obradoiro en Bertamiráns recibiron esta mañá o diploma acreditativo do curso de mans da concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.
Durante este mes de outubro, os 20 participantes do obradoiro conversaron, leron, compartiron información e coñeceron un pouco máis a lingua e a cultura de Galicia e, máis concretamente, a do concello de Ames. Alén duns contidos teóricos básicos, desenvolveuse moito o traballo en equipo que fixo que as persoas participantes se achegaran ao galego dun xeito práctico e lúdico. O curso foi impartido polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e contou coa presenza de moita xente de Venezuela, así como do Brasil, Ponferrada, León e Asturias.
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, deu as grazas “ a todas as persoas que participan deste obradoiro polo interese que mostran na cultura e lingua galegas, que xa están facendo súas. E grazas tamén a Berta Souto, que foi a encargada de impartir o obradoiro”.
Obradoiro de lingua e cultura no Milladoiro
Este mesmo obradoiro vaise realizar na Casa da Cultura do Milladoiro do 4 ao 29 de novembro, para o que se apuntaron 25 persoas. Os obradoiros “En galego, co teu acento” de achegamento á lingua e á cultura galegas desenvólvense en Ames desde hai xa 15 anos e, ademais de serviren de toma de contacto co país ao que se chega, funcionan como un espazo de socialización, acollemento e convivencia. Pretenden asemade poñer en valor a diversidade e a multiculturalidade que agocha este concello, que na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas.