- Tematica
O vindeiro martes, 26 de novembro, remata o ciclo Cine de Outono 2024, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. A última proxección do ciclo é a do documental Os Espazos en Branco, que poderase ver no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas. As entradas poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Trátase dun filme, dirixido polo cineasta vigués Bruno Arias, que foi galardoado co premio Mestre Mateo a mellor documental.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volveu a programar un novo ciclo de cine, desta volta durante o outono. Este novo programa cultural súmase a outros programados anteriormente como Abril de cine. Neste caso, ata o de agora proxectáronse dúas longametraxes os martes 12 e 19 de novembro, e queda a última proxección que será o martes, 26 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
Deste xeito, os días 12 e 19 de novembro proxectáronse os filmes As Neves, dirixido por Sonia Méndez, e +Cuñados, de Luis Avilés. Agora, tócalle a quenda a Os Espazos en Branco, que será proxectado o 26 de novembro, tamén no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun filme, dirixido polo cineasta vigués Bruno Arias, que foi galardoado co premio Mestre Mateo a mellor documental.
Documental galardoado co premio Mestre Mateo
Bruno leva moito tempo cunha espiña cravada: non lembra case nada de quen máis lle influíu na súa vida. A súa tía Xela morreu cando el 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, dezaoito anos despois, decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.
É unha crónica na que o director do documental, Bruno Arias, afonda na figura pública de Xela Arias para atopar nela unha persoa: a súa tía. O reparo está composto por Melania Cruz, Sheyla Fariña e Lidia Veiga. A fotografía correu da man de Miguel Gomar e a música compúxoa Dani Cornes.
Coloquio con Bruno Arias e Noelia Papín
Ao final da proxección haberá un coloquio con Bruno Arias e Noelia Papín, director e produtora do documental, que obtivo no pasado mes de marzo o premio Mestre Mateo a mellor documental. A produtora de dito documental, Serea Films, conta cun posto nas instalacións do espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro.
Bruno Arias (1998) é un cineasta vigués que traballa na dirección, no guión e na montaxe. Nos últimos anos participou en proxectos como a curtametraxe Na pel da memoria (Laura e Coral Piñeiro, 2023) ou os videoclips Glass (Xaime Miranda, 2023) e Fotos (Bruno Arias, 2023), así como en series web e programas de televisión. É parte do colectivo Memoria e Cinema, onde se atopa na actualidade traballando en varios proxectos desde diversos lugares do proceso creativo. Os Espazos en Branco (2023) é a súa primeira longametraxe, da que é director, coguionista e comontador.