- Tematica
O Concello de Ames segue avanzando na tramitación para a construción do complexo deportivo do Milladoiro. O pasado 11 de maio rematou o trámite de exposición pública do estudio de viabilidade da concesión de obra pública para a construción dunha instalación deportiva municipal no Milladoiro e a explotación do conxunto deportivo que conformará xunto a instalación municipal A Telleira de Bertamiráns. Unha vez rematada dita exposición pública continuase co trámite administrativo. As instalacións do complexo deportivo do Milladoiro situaranse na parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde desta localidade.
Cómpre lembrar que o pleno do Concello de Ames na sesión ordinaria do 30 de marzo de 2023 tomou coñecemento do estudo de viabilidade elaborado, pola consultora Dosvalor, no expediente de concesión de obra pública para a construción de instalación deportiva municipal do Milladoiro e explotación do conxunto deportivo que conformará xunto a instalación municipal A Telleira de Bertamiráns. En cumprimento do acordo plenario someteuse o estudo de viabilidade a exposición pública polo prazo dun mes mediante anuncio no BOP, taboleiro de anuncios da sede electrónica, e web municipal. O pasado 11 de maio rematou o trámite de exposición pública do estudio de viabilidade, polo que se continuará co correspondente trámite administrativo.
Previamente, dende decembro de 2020 estívose traballando na elaboración dun estudio de viabilidade para coñecer a fórmula de xestión e demanda de dita instalación e tamén para proxectar as dimensións e características que debería ter dita infraestrutura. De xeito conxunto tamén se levou a cabo un estudo de explotación e sistema de concesión da instalación. Posteriormente, elaborouse un anteproxecto para dispor do deseño interior e exterior da infraestrutura e das necesidades administrativas e urbanísticas da parcela onde se vai executar o complexo deportivo.
En novembro de 2022 elaborouse un informe - memoria da necesidade de tramitar un expediente de contratación de concesión de obra publica para a construción dunha instalación deportiva no Milladoiro que comprenda a posterior xestión da mesma así como a da instalación xa existente en Bertamiráns, coñecida como centro deportivo municipal A Telleira. Tamén consta no expediente un informe conxunto de Secretaría e Intervención no que, tras examinar o estudo de viabilidade achegado en xaneiro de 2023 (tivo que ser actualizado economicamente en decembro 2022), indícase que cumpre as esixencias para o inicio dun expediente de concesión de obra publica.
Complexo deportivo de tres plantas
Está previsto que dita infraestrutura se execute na parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde do Milladoiro, e que é de propiedade municipal. Está parcela está designada para equipamentos dentro do sector S-15 e conta cunha superficie de 3.700 metros cadrados.
O complexo deportivo contará cunha superficie de 3.452 metros cadrados e con tres plantas distribuídas en varias alturas. Deste xeito o edificio adaptarase á pendente que ten a parcela onde se situará. Ao mesmo tempo, a construción desta nova infraestrutura permitirá urbanizar esta zona céntrica do Milladoiro coa creación dunha nova praza pública de 1.300 metros cadrados. O espazo exterior polo que se accede ao complexo deportivo actuará como elemento integrador entre o edificio e mailo espazo viario. Trátase dun espazo urbanizado que albergará zonas libres de tránsito e zonas con árbores e que servirá de conexión entre os diferentes niveis da zona exterior e mailo edificio.
O complexo deportivo do Milladoiro contará cunha planta subterránea (planta soto) que estará dedicada a garaxe e contará con prazas para 68 vehículos e 9 motocicletas. Haberá dúas prazas adaptadas ao carón dun dos accesos ao edificio. Habilitaranse dous accesos ao espazo público exterior e un delas con vinculación directa ao complexo deportivo. Na planta soto tamén se situarán distintos locais técnicos (salas de caldeiras así como de instalacións e intercambiadores).
Plata baixa: piscinas de competición e aprendizaxe
Por outra banda, na planta baixa haberá unha zona de recepción e unha zona con dúas piscinas; unha delas será unha piscina de 12,5 por 25 metros, que dispón das medidas regulamentarias para poder albergar distintas competicións de deportes acuáticos; e unha segunda piscina de 12,5 por 8 metros que estará dedicada actividades de aprendizaxe. É importante destacar que se dotará á piscina de competición de gradas con aforo para 200 persoas e con servizos e accesos propios. Na planta baixa tamén se vai a construír unha zona de servizos complementarios de spa.
As dúas piscinas estarán en zonas independentes, polo que cada piscina contará cuns vestiarios propios. Deste xeito, os vestiarios da piscina de aprendizaxe estarán en fronte de dita piscina para facilitar o acceso. O mesmo sucederá cos vestiarios da piscina de competición. Tamén hai que salientar que ambas piscinas terán accesos diferentes.
Salas de fitness e ximnasio
Como elemento diferenciador preténdese empregar a cuberta do edifico para o desenvolvemento de actividades deportivas ao aire libre (ioga, pilates, crossfit, etc) e tamén para habilitar nesta zona tres salas, para realizar actividades de fitness, e unha sala máis ampla de 750 metros dedicada a ximnasio, para realizar exercicio cardiovascular e muscular. Aproveitando a orientación suroeste que vai a ter o edificio vaise crear un espazo para empregar coma solarium.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "El complejo deportivo con dos piscinas para O Milladoiro avanza tras su exposición pública"
AMS GO!: "Remata a exposición pública do estudo de viabilidade do complexo deportivo do Milladoiro"