- Tematica
Este xoves, 17 de novembro, clausuráronse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os primeiros cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural. A concelleira de Cultura entregoulle os diplomas de asistencia a estes cursos aos veciños e veciñas de Agrón, Trasmonte, Bugallido e Biduído. Arredor de 30 persoas participaron nestas actividades que comenzaron en outubro e que remataron o 16 de novembro, no que estiveron reforzando os coñecementos recibidos na primeira parte deste curso, realizado no 2021, e aprenderon novos temas relacionados coa xestión de arquivos, ofimática, tratamento de imaxes, correo electrónico, redes sociais, uso de dispositivos móbiles, entre outros temas.
O programa de alfabetización dixital no rural comezou a impartirse en 2021 cun gran éxito de participación entre a veciñanza do rural amesán. Esta iniciativa respondeu a unha das demandas da veciñanza dos Orzamentos Participativos do ano 2020. En 2021 impartiuse o primeiro módulo de ditos cursos de alfabetización dixital e ao longo deste ano 2022 realizouse o segundo módulo. O obxectivo principal destes cursos, organizados pola Concellaría de Cultura, é familiarizar ás veciñas e veciños do rural amesá co uso das TICs, facilitando xeitos seguros e axeitados para incorporar o mundo dixital a distintos aspectos das súas vidas cotiás.
Tal e como explica a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, “a primeira edición do curso de alfabetización no rural tivo un gran éxito de participación e ante a demanda das/os participantes de facer un segundo curso para seguir ampliando os coñecementos en informática, comprometinme a que se impartiría un segundo módulo. Deste xeito, estamos dándolle continuidade a este programa que tan ben está funcionando nos locais sociais do rural”.
O segundo modulo de ditos cursos impártese en nove locais socias do rural amesán (Agron, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Ortoño, Tapia, Ameixenda, Augapesada e Covas). A primeira quenda destes cursos comezou o pasado 3 de outubro e rematou o 16 de novembro. Deste xeito, este xoves, 17 de novembro, clausuráronse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os primeiros cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural.
A concelleira de Cultura, Natividade González, que estivo acompañada da técnica da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, Almudena Caamaño, entregoulle os diplomas de asistencia a estes cursos a 30 veciños e veciñas das parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido e Biduído.
Continúase co plan formativo no rural
Por outra banda, continúase co plan formativo en alfabetización dixital polas distintas parroquias de Ames (modulo II). Deste xeito, o 17 de novembro comezaron estas actividades nos locais de Tapia e da Ameixenda, mentres que o 21 de novembro comezarán en Augapesada e en Covas. Na actualidade tamén está en marcha o curso que se imparte en Ortoño. Nestes cursos ten prioridade o alumnado que participou no primeiro modulo deste mesmo curso en 2021. En total ofertáronse 90 prazas, 10 por curso que se imparte en cada local social.
Para participar neste segundo modulo é necesario ter coñecementos de informática a nivel básico. Impártense nocións de Windows 10, ofimática: Word - Excel, internet, a nube, correo electrónico, seguridade na rede, redes sociais, e usos dos dispositivos móbiles. En total, impártense 25 horas de clases prácticas. Ademais, as persoas que participan en dito curso visitarán as aulas de informática de Bertamiráns (Aula CeMIT) e do Milladoiro (AMTIC), para que as coñezan e se o desexan poidan seguir ampliando os seus coñecemento de informática en ditas instalacións.
Natividade González tamén destacou a excelente recepción deste tipo de actividades formativas no rural e entre as persoas maiores, as máis susceptibles de quedar atrás por mor da fenda dixital. “Quero facer fincapé na importancia destes cursos polo tipo de perfil de xente ao que chegamos, normalmente xente maior e do rural, cunhas necesidades moi concretas no senso da alfabetización dixital. O máis agradable é ver, dende o primeiro día ata o último, a implicación e a satisfacción por todo o o aprendido”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Devoción por la era digital: 30 vecinos del rural son los amos ya del email y ofimática"