Solapas principales

Remata a segunda edición do proxecto “Terra de mulleres: voces nos valos”, que deixa tres novos murais no rural amesán

Viernes, 02 de diciembre de 2022

O proxecto “Terra de mulleres: voces nos valos”, organizado por 7H Cooperativa Cultural e polo Concello de Ames, en colaboración coa Asociación Veciñal Tras do Río, finalizou a súa segunda edición cunha gran acollida por parte da cidadanía. Este ano, a iniciativa, que ten como obxectivo honrar a memoria das mulleres traballadoras do rural e rescatar a importancia dos ritos na identidade colectiva, desenvolveuse na aldea de Tarrío.

Tralo éxito que logrou o pasado ano o proxecto “Terra de mulleres: voces nos valos”, que tivo lugar en Biduído, a iniciativa de muralismo no rural da concellaría de Benestar Social e Igualdade repetiu na aldea de Tarrío a súa aposta por traducir as vivencias da veciñanza en obras con perspectiva feminista e arraigadas no territorio.

A iniciativa, financiada polo Concello de Ames, coordinada por 7H Cooperativa Cultural e desenvolta coa colaboración da asociación veciñal Tras do Río, deixou na súa segunda edición tres novas obras de arte urbana na xeografía amesá.

A artista ordesá Diana Rodeiro, coñecida como Nana, foi a encargada de realizar dúas pezas de gran e mediano formato. Inspirada nas historias transmitidas polas veciñas e veciños nunha reunión mantida antes do inicio das intervencións, Nana centrou a súa mirada na reivindicación do papel desenvolto polas mulleres no sostemento económico e no mantemento das tradicións da localidade.

Unha das habitantes máis queridas da aldea é a protagonista da obra de maior tamaño, conformada por unha composición en dous paneis. No primeiro deles, obsérvase un retrato a gran tamaño de “Carmen da fonte”, quen simbolicamente sostén nunha man a fonte da aldea, cuxo coidado desde hai cincuenta anos lle valeu o agarimoso alcume. Na outra escena, o protagonismo dun tendal de roupa recrea o momento no que, tras o duro traballo da terra, as mulleres da aldea, personificadas en Carmen, continuaban cos labores de coidados da casa.

A segunda das obras de Nana, situada nunha antiga mina de auga, representa, a través dun relato en tres viñetas, o ciclo do cereal, fundamental na economía local, e a vinculación deste cun rito que, antano, tamén tivo grande importancia na localidade e no resto do val da Maía: a tradición do lumepan. Para pedir pola fartura e protección da terra, na noite do 30 de abril a veciñanza da aldea percorría en grupo os camiños que levaban ás leiras acompañada de fachucos prendidos para alumear as terras e espallar as cinzas polos sucos dos que xerminarían as futuras colleitas.

Finalmente, un grupo de veciñas da aldea e doutras vilas da comarca tamén tiveron oportunidade de deixar a súa pegada nesta edición a través dun obradoiro participativo. Como resultado do proceso colectivo, desenvolto ao longo do sábado 12 de novembro, os/as participantes crearon un mural que honra o oficio das panadeiras, un traballo feminizado moi presente na historia familiar das persoas propietarias do muro que se pintou.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, resaltou que se fixo “un gran traballo que nos permite recuperar historias, vivencias e lendas, e poñer en valor o traballo das nosas mulleres á vez que seguimos sumando obras de arte urbana ao noso patrimonio, que embelecen aínda mais, se cabe, o noso rural, poñéndoo en valor”, e engadiu que os murais supoñen “un fermoso traballo contextual que aumenta o noso patrimonio material e inmaterial”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Muralismo en honor a las mujeres de Tarrío"

La Voz de Galicia: "Tarrío, en Ames, cuenta con tres nuevos murales protagonizados por mujeres"

O programa incluíu un obradoiro participativo

Multimedia

  • Remata a segunda edición do proxecto “Terra de mulleres: voces nos valos”, que deixa tres novos murais no rural amesán