Solapas principales

Rematan en Ames os obradoiros do proxecto Enreguéifate 2021 no que te podes inscribir ata o 28 de maio de 2021

Viernes, 14 de mayo de 2021

A quinta edición de Enreguéifate está á procura de mozos e mozas que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Este proxecto, do que forma parte o Concello de Ames xunto co de Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Rianxo, ten como obxectivo revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos promover o uso do galego a través da improvisación oral en verso. Para achegar esta arte á rapazada de Ames, impartíronse once sesións do obradoiro Enreguéifate nos centros de ensino. O prazo de participación no certame estará aberto ata o 28 de maio de 2021 e a inscrición poderá facerse desde a páxina web do certame, onde tamén están xa dispoñibles as bases.

Dende fai cinco anos, a través do certame Enreguéifate estase na procura de estudantes e público en xeral que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Nesta ocasión, faino ademais coa recente boa nova de ter recibido o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ao mellor proxecto estabilizado.

O Concello de Ames anima á veciñanza a participar neste certame no que haberá dúas categorías; a xeral e a escolar, e seis premios en cada unha das mesmas: Regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

Os obradoiros formativos
Ademais do certame, cada ano desenvólvense unha serie de obradoiros formativos sobre a regueifa nos centros de ensino dos concellos organizadores. Josinho da Teixeira e Lupe Blanco impartiron en Ames once sesións do obradoiro de regueifa nos colexios e institutos de Ames durante catro días. Comezaron o luns 22 de marzo, no CEP de Ventín, onde corenta alumnos de 6º de primaria participaron nas dúas primeiras sesións, impartidas pola pandereteira e regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco.

O 23 de marzo tocoulle a quenda ao alumnado do CEIP Agro do Muíño. Os nenos e nenas de 5º de primaria asistiron a dito obradoiro tamén impartido por Lupe Blanco. O venres 9 de abril continuouse coa impartición destes obradoiros nos institutos. No IES de Bertamiráns leváronse a cabo tres sesións dirixidas ao estudantado de primeiro da ESO. O mércores 14 de abril celebrouse no Milladoiro cos rapaces e rapazas de 2º da ESO.

Nos obradoiros, ademais de achegarlle ao alumnado ferramentas e técnicas que faciliten a improvisación, tratáronse valores como o da igualdade de xénero, o respecto pola diversidade ou a axuda mutua.

A metodoloxía empregada parte dos coñecementos previos do alumnado para propiciar unha aprendizaxe significativa, que vincule a súa realidade cos contidos que se pretenden introducir. O diálogo entre as persoas que guían o obradoiro e as que participan nel é constante, e procúrase unha interacción continua e o emprego de técnicas de traballo en grupo e de colaboración mutua. Esta actividade parte da liberdade discursiva e do diálogo, e nela dánselle azos ao alumnado para que sexa quen de se expresar en público, creando un ambiente de confianza e horizontalidade.

Podes ver aquí o vídeo promocional deste ano. E que medre a regueifa!

Que é o Enreguéifate?
Enreguéifate é un proxecto, impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Buscan regueifeiros sen medo a confrontar ideas"

La Voz de Galicia: "Concluyen los talleres en los centros educativos de Ames del proyecto Enreguéifate"

obradoiro IES do Milladoiro

Multimedia

  • obradoiro IES do Milladoiro
  • obradoiro IES do Milladoiro
  • obradoiro IES do Milladoiro
  • obradoiro IES do Milladoiro
  • cartel Enregéuifate
  • Embedded thumbnail for