Solapas principales

Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames

Martes, 03 de septiembre de 2024

Do 28 de agosto ao 2 de setembro realizouse a última saída do programa municipal de campamentos de verán. Un grupo de 40 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos estiveron no campamento da granxa escola El Kiriko. O programa de campamentos comezou o pasado 23 de xuño e ao longo dos meses de verán un total de 490 rapaces e rapazas de Ames participaron en 13 campamentos con estadía nocturna. Ademais, organizáronse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. Este ano cubríronse o 98% das prazas ofertadas, con 490 usuarios/as inscritos/as das 500 prazas existentes.

O servizo de campamentos de verán 2024 estivo dirixido á rapazada que cursou durante o pasado curso educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato. O obxectivo desta programación foi proporcionar unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal, que busca proporcionar aos nenos/as e mozos/as as ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, así como fomentar a convivencia, a cooperación, o respecto. Ademais, facilita o contacto co medio rural, o deporte e a cultura.

Tanto a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, como o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Rural, Javier Antelo, fan unha valoración moi positiva do programa de campamentos municipais de verán no que se cubriron o 98% das prazas ofertadas, con 490 usuarios/as inscritos/as das 500 prazas existentes.

A concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, destaca que este servizo “busca facilitar a conciliación das familias durante as vacacións de verán”. Ademais, agradeceu o traballo das técnicas de Mocidade e Xestión do Medio Natural e Rural, “que fixeron posible esta programación un ano máis”.

Por outra banda, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Rural, Javier Antelo, sinala que un dos obxectivos do servizo de campamentos municipais é “fomentar a convivencia, a cooperación e o respecto entre o rapaces, ademais do achegamento á natureza”.

Campamentos de educación infantil e primaria
A Concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, ofreceu 10 campamentos para rapaces e rapazas de educación infantil e primaría, nos que participaron un total de 380 usuarios/as. Deste xeito, 12 nenos e nenas de 5º e 6º de educación infantil participaron no campamento da granxa escola de Bergando (Negreira), entre o 4 e 6 de xullo. A este mesma granxa escola de Bergando acudiron 16 rapaces e rapazas de 1º de primaria, entre o 1 e o 3 de xullo.

Por outra banda, 40 nenos e nenas de 2º de primaria puideron gozar dunhas xornadas na granxa-escola Corazón de Carballo (Tomiño), do 22 ao 24 de xullo. Para ese campamento había 35 prazas dispoñibles e ampliouse a 40 usuarios/as. Ademais, 31 rapaces e rapazas de 3º de primaria viaxaron ata a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes) do 14 ao 17 de xullo.

Xa no segundo ciclo de primaria, 48 rapaces e rapazas de 4º de primaria participaron no campamento Alvarella (Fragas do Eume), do 25 ao 29 de xuño. Para este campamento había 40 prazas dispoñibles e ampliouse o número de participantes ata 48 usuarios/as. A rapazada de 5º de primaria foi ao Cámping O Terrón (Vilanova de Arousa), do 1 ao 6 de xullo. Neste campamento participaron 52 rapaces e rapazas. Para este campamento había 40 prazas dispoñibles e ampliouse o número de participantes ata 52 usuarios/as. Ademais, 56 rapaces e rapazas de 6º de primaria participaron divididos en dúas quendas no campamento na praia de Patos (Nigrán). Na quenda do 23 ao 28 de xuño participaron 27 usuarios/as e na quenda do 30 de xuño ao 5 de xullo participaron 29.

Para nenos e nenas de 8 a 14 anos desenvolveuse unha segunda quenda no campamento Alvarella (Fragas do Eume) entre o 19 e o 21 de xullo, no que participaron 25 nenos e nenas. Para este campamento había 20 prazas dispoñibles e ampliouse o número de participantes ata 25 usuarios/as. Cómpre engadir que do 28 de agosto ao 2 de setembro celebrouse unha segunda quenda do campamento na granxa escola El Kiriko, que estivo dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Cubríronse as 40 prazas dispoñibles.

Campamento urbano
Ademais, a Aula da Natureza organizou dúas quendas para o seu campamento urbano, que estivo dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizouse do 1 ao 12 de xullo, mentres que a segunda quenda desenvolveuse do 15 ao 26 de xullo. Participaron 30 nenos/as por quedan. Ofertábanse 25 prazas por quenda e ampliáronse ata 30 usuarios por quenda.

Os rapaces e rapazas dos campamentos urbanos da Aula da Natureza participaron en diversos obradoiros de eido ambiental e en saídas para descubrir as posibilidades que ofrece a natureza. Así mesmo, organizáronse diversas xornadas lúdicas para os rapaces e rapazas.

Campamentos para a mocidade
Por outra banda, a Concellaría de Mocidade ofreceu 3 campamentos para rapaces e rapazas de educación secundaria e bacharelato, nos que participaron un total de 110 usuarios/as. O alumnado de 1º da ESO estivo no campamento Abrente, en Portonovo (Sanxenxo), do 13 ao 19 de xullo. Cubríronse as 35 prazas ofertadas.

Para a rapazada de 2º da ESO organizouse un campamento no cámping praia América (Nigrán), entre o 7 e o 13 de xullo. Neste caso tamén se cubriron as 35 prazas ofertadas. Por último, 40 rapaces e rapazas 3º e 4º da ESO e bacharelato participaron no campamento do Cámping Paisaxe II, situado no Grove, tamén do 7 ao 13 de xullo.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames cierra unos campamentos de verano con participación de medio millar de jóvenes"

Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames

Multimedia

  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames
  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames
  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames
  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames
  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames
  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames
  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames
  • Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames