Solapas principales

Repartíronse máis de 2.500 agasallos mediante a campaña de recollida de xoguetes para o Nadal

Viernes, 07 de enero de 2011

[07-01-2011] Pasada a Noite de Reis toca facer balance da campaña de recollida de xoguetes de Nadal 'En Ames todos xogamos', que por oitavo ano consecutivo puxo en marcha o Concello de Ames, a través da concellería de Benestar Social e da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Este ano conseguiuse reunir máis de 2.500 xoguetes que foron doados por veciños e veciñas de Ames para repartilos entre os cativos de familias con menos recursos. Preto de 200 pequenos puideron ter un agasallo nestas datas, coa inestimábel colaboración de voluntarios que o fixeron posíbel. O Bertamiráns FC colaborou na iniciativa cunha recollida propia de xoguetes que finalmente entregou ao Concello para o seu reparto.

Por oitavo ano consecutivo o Concello de Ames puxo en marcha unha campaña de recollida de xoguetes polo Nadal destinada a poder entregarlle algún agasallo nestas datas aos cativos con menos recursos, de xeito que ningún neno/a fique sen o seu regalo no Día de Reis. A iniciativa, baixo o lema 'En Ames todos xogamos', púxose en marcha por medio da Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina do Voluntariado, e a ela sumouse unha recollida propia organiza polo Bertamiráns FC que destinou os xoguetes obtidos ao reparto do Concello.

Nesta ocasión conseguíronse reunir en total máis de 2.500 xoguetes que foron repartidos entre case 200 pequenos e pequenas de Ames. Todos os xoguetes recibidos foron seleccionados, clasificados, empaquetados e distribuídos por persoas voluntarias que se sumaron e esta causa solidaria. A través desta iniciativa, as familias con menos recursos puideron proporcionarlles aos seus fillos un xoguete nesta época tan especial para todos os cativos.

Nesta edición recadáronse un 10% máis de xoguetes que na anterior. Ademais, cómpre destacar que boa parte destes xoguetes eran novos e mercados expresamente para este reparto entre os nenos desfavorecidos, cando noutras ocasións a meirande parte eran xoguetes de segunda man. Foron tantas as entregas que se efectuaron ao longo da campaña na Casa da Cultura de Bertamiráns e na do Milladoiro que tres voluntarias da OVA que realizan outro tipo de funcións colaboraron dende o pasado 27 de decembro no proceso de recollida, revisión, selección por idades e empaquetado dos xoguetes.

Os xoguetes recollidos foron entregados, o día 4 de xaneiro na Casa de Cultura de Bertamiráns e o día 5 deste mesmo mes no Milladoiro, aos pais dos rapaces que debido aos seus diversos problemas son usuarios frecuentes dos servizos sociais do Concello e contan cun seguimento persoal por parte destes servizos. Deste xeito os cativos puideron recibir os agasallos no día de Reis. Uns 200 rapaces puideron, a pesar dos problemas económicos, ter o seu agasallo nestas datas para poder xogar sen ningún tipo de discriminación.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames repartió juguetes a 200 desfavorecidos"