- Tematica
As Bibliotecas municipais de Ames recibiron dous lotes de libros de Os Bolechas, un deles titulado “Os Bolechas saben o que é a diabetes” e o outro, “Manuela é nova na escola, Medrando coa diabetes”. Con esta doazón feita pola Asociación ANEDIA, preténdese que os rapaces e rapazas se informen, dunha maneira adaptada a súa idade, sobre a diabetes. Trátase dunha ferramenta coa que visibilizar e sensibilizar. Os exemplares pódense consultar nas Bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.
A Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia naceu co obxectivo de traballar pola integración real e total de todos os rapaces e rapazas que sofren esta enfermidade.
Na escola, un espazo onde os máis pequenos pasan moitas horas, é preciso que todos os alumnos e alumnas coñezan esta doenza para facilitar o día a día de quen a padece. Para facilitar esta formación, ANEDIA conta con dous libros infantís dos Bolechas, de Pepe Carreiro, como ferramentas para visibilizar e concienciar sobre a diabetes.
Por un lado, está “Os Bolechas saben o que é a diabetes”. O guión foi corrixido e supervisado por varias pediatras e educadoras. O obxectivo deste libro é mostrar que un neno, aínda a pesar de facer deporte, pode padecer diabetes. No conto fanse uns apuntes do que implica esta doenza e, sobre todo, afirma que a vida debe continuar con normalidade, volver ao cole, seguir co deporte, acudir ao comedor, excursións e festas de aniversario.
“Os Bolechas: Manuela é nova na escola. Medrando coa diabetes” narra a historia dunha rapaza que cambia de escola e a súa súa nova mestra non sabe nada da diabetes, pensa que non pode xogar no recreo co resto de compañeiros, facer deporte con normalidade ou ir de excursión. Ademais, non lle deixa beber ou comer na aula a pesar de que lle resulta necesario ao ter a glucosa baixa. Estes son algúns dos moitos problemas cos que se atopan a diario os nenos e nenas con diabetes e que centran o contido deste libro-guía.
Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social, asegura que "convivir coa diabetes non é unha tarefa doada, sobre todo para os nenos e nenas máis pequenos. Para intentar normalizar esta situación en todos os ámbitos fanse necesarias ferramentas como estas que ensinan aos máis pequenos que é a diabetes ao tempo que dar resposta a situacións do día a día”.
Luísa Feijóo agradécelle a ANEDIA “todo o seu esforzo e traballo para dar difusión e información sobre a diabetes e sobre todo por normalizala xa que que a padece pode levar unha vida totalmente normal”.
Por outra banda, a concelleira de Cultura e responsable do servizo de Bibliotecas municipais, Natividade González, tamén destaca a implicación de ANEDIA para visibilizar e concienciar sobre a diabetes. “Teño que darlle as grazas a ANEDIA pola cesión destes dous lotes de libros que foron depositados nas Bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Todos os rapaces e rapazas que pasen polas instalacións das bibliotecas poderán consultar estes libros. Isto permítenos ampliar os fondos das bibliotecas e tamén para informar e concienciar sobre a diabetes”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Os Bolechas normalizan y se ponen en la piel del alumnado con diabetes"
La Voz de Galicia: "Ames conciencia sobre la diabetes con cuentos de Os Bolechas"