Solapas principales

Sexualidade e acoso entre adolescentes na comedia “GOLFA”, este venres 8 en Bertamiráns

Lunes, 04 de abril de 2022

Orixinalmente programada para o 25 de marzo como parte do itinerario de actividades polo 8M, a comedia transmedia “GOLFA” representarase este venres 8 de abril, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A compañía Crémilo Proxectos Culturais e Dist. Espectáculos incluirá ao público nunha charla de sexualidade na que os protagonistas, os adolescentes Amanda e Fran e a nai deste último, Vicky, discutirán e reflexionarán sobre o acoso recibido pola rapaza dende que terminou a súa relación co seu compañeiro de instituto. As entradas xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“GOLFA” conta a historia de Amanda, unha adolescente que tras terminar a súa relación con Fran comeza a sufrir un terrible acoso virtual, o que leva aos seus pais a denunciar ao rapaz, que queda apartado do seu instituto. A tensión aumenta cando a nai de Fran, Vicky, aparece na porta de entrada ao centro e insulta a Amanda gravemente, chamándoa “golfa”. Unha semana despois, aparece ben visible un graffiti con esta mesma palabra.

Tras esta rápida escalada nos acontecementos, a xuíza do caso propón que Amanda, Fran e a súa nai, Vicky, asistan a un encontro en liña co sexólogo Jordán Gómez, coa particularidade de que este evento será de libre acceso e pasando lista. Durante a obra, o público presenciará esta charla de sexoloxía, na que os protagonistas se verán as caras e tratarán de defender as súas posicións.

A representación de “GOLFA”, dirixida por Jose Padilla, é só parte dun amplo proxecto transmedia, que inclúe interacción en redes sociais, materiais documentais, spin-offs, talleres, programación para secundaria, ou mesmo encontros con presencia sexolóxica ao final das propias funcións. Deste xeito, a compañía Crémilo Proxectos Culturais e Dist. Espectáculos aposta polas artes escénicas para falar de sexualidade e de educación sexual, a través dunha comedia que faga reflexionar a persoas adolescentes e adultas ante as súas carencias neste eido.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Representan o acoso na obra ‘Golfa’ deste venres"

AMSGO!: "Sexualidade e acoso como trama da comedia “Golfa”, este venres na Casa da Cultura de Bertamiráns"

Lindeiros: "O proxecto Golfa este venres en Ames"

Sexualidade e acoso entre adolescentes na comedia “GOLFA”, este venres 8 en Bertamiráns

Multimedia

  • Sexualidade e acoso entre adolescentes na comedia “GOLFA”, este venres 8 en Bertamiráns