Solapas principales

A substitución de 4.224 luminarias do rural vai comezar no mes de outubro

Martes, 07 de septiembre de 2021

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, o concelleiro do Rural, Santiago Márquez e a arquitecta municipal, Marta Bellas reuníronse coas empresas adxudicatarias do contrato de substitución das luminarias da obra para coñecer os prazos de execución dos traballos. As luminarias comezarán a substituírse o próximo 4 de outubro a unha media de entre 70 e 80 luminarias ao día. A actuación está financiada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) nun 80%.

O Concello de Ames vai desenvolver un proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural. Deste xeito, vaise renovar a iluminación pública exterior das vías públicas das parroquias, actuando en 4.224 puntos de luz substituíndo as actuais luminarias por luces LED. Para desenvolver este proxecto o Concello de Ames conta cunha axuda do IDAE que ascende a 1.176.231,15 euros. A subvención concedida enmárcase dentro da convocatoria de axudas, regulada polo Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, e que se enmarca dentro do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

A renovación das luminarias vai comezar o vindeiro 4 de outubro. A data deuse a coñecer na reunión que mantiveron a semana pasada o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens; o concelleiro do Rural, Santiago Márquez; a arquitecta municipal, Marta Bellas; a dirección de obra, Talleres MyL; o responsable do contrato, Ela Ingeniería coa adxudicaria Alumbrado Concello de Ames UTE.

A empresa adxudicataria confirmou, nesta reunión, que ten previsto colocar unha media entre 70 e 80 luminarias ao día. Polo que agardan que as 4.224 luminarias estean substituídas na última semana de xaneiro de 2022.

Con todo, dende o Concello de Ames insistiron na necesidade de iniciar a parte de obra civil canto antes. A adxudicataria comprometeuse a facer chegar a proposta de colocación dos cadros de mando esta mesma semana co obxectivo de que estean rematadas no mes de outubro de 2021 tanto a instalación da parte da obra civil de todos os cadros así coma os cadros de mando das liñas de Tapia, Lens, Paramuíño, Oca, etc onde xa se realizara o cambio a luces LED con cargo aos Orzamentos Participativos.

A empresa que gañou o concurso foi a UTE formada por FERROVIAL SERVICIOS, SAU y ARIAS INFRAESTRUCTURAS, SA por un importe de 1.017.080,91 € máis 213.586,99 € de IVE, o que fai un total de 1.230.667,90 €.

O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros e a subvención concedida polo IDAE é do 80% do total. O cofinanciamento que achegará o IDAE procede dos fondos FEDER da Unión Europea cos que se dotou o eixo 4 do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020, destinado integramente ao cofinanciamento de proxectos que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. Polo tanto, a través dos fondos europeos, o Concello obtén unha contía de 1.176.231,15 euros. O 20% restante, 294.057,80 euros, será sufragado con fondos propios municipais.

O alcalde de Ames, defendeu esta actuación “este é o investimento máis ambicioso que vai a realizar este Goberno no rural durante este mandato, e ademais vai significar unha necesaria mellora para a calidade de vida da veciñanza e un aforro económico moi importante". E engadiu "queda claro o traballo realizado e o compromiso para que os núcleos rurais estean dotados duns servizos de calidade, xa que sirve para fixar a poboación no rural, o que é fundamental para un concello coma o noso"

 

A substitución de 4.224 luminarias do rural vai comezar no mes de outubro

Multimedia

  • A substitución de 4.224 luminarias do rural vai comezar no mes de outubro
  • A substitución de 4.224 luminarias do rural vai comezar no mes de outubro
  • A substitución de 4.224 luminarias do rural vai comezar no mes de outubro