Solapas principales

As tarxetas de desconto “Bonos Consuma” xeran en 10 días un gasto de máis de 185.000 euros e o 75% do orzamento

Lunes, 23 de diciembre de 2024

O pasado 14 de decembro comezou o prazo para descargar e empregar as tarxetas de desconto “Bonos Consuma”. Ata este luns, 23 de decembro, descargáronse máis de 2.892 bonos e consumiuse máis do 75% do orzamento destinado a esta iniciativa, superando moi amplamente as cifras do ano pasado. Así mesmo, xerouse un gasto de máis de 185.000 euros nos 105 establecementos e comercios adheridos á campaña deste ano. As persoas que aínda non descargaran o seu bono, poden facelo a través da páxina web bonos consuma no apartado de clientes. O prazo para usar os bonos remata o 14 de febreiro, salvo que se esgote antes o orzamento do programa.

O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción Económica, puxo en marcha o pasado 14 de decembro unha nova campaña das tarxetas desconto “Bonos Consuma”, unha iniciativa para promover e reactivar o consumo no comercio local. Este ano hai adheridos á campaña 105 negocios de comercio e hostalería de Ames. Pódese consultar os establecementos adheridos á campaña na seguinte ligazón.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, adiantou que “vendo as previsións de gasto, é moi probable que se esgoten os bonos nestes días, superando así as cifras da campaña do ano pasado na que se esgotaron os bonos en 20 días” e tamén animou á veciñanza a facer as últimas compras coas tarxetas desconto “porque está a piques de rematar o orzamento dispoñible do programa”.

Ata este luns, 23 de decembro, descargáronse máis de 2.892 bonos e consumiuse máis do 75% do orzamento destinado a esta campaña en só 10 días, previndo que se esgote o saldo nestas vindeiras xornadas. Deste xeito, consumíronse máis de 44.600 euros dos 60.000 euros destinados pollo Concello aos Bonos Consuma. Por outra banda, xerouse un gasto superior aos 185.000 euros, sendo cifras moi positivas para o comercio local de Ames.

A iniciativa dos Bonos Consuma, posta en marcha por primeira vez en 2021, non deixa de medrar edición tras edición. O seu obxectivo é promover e incentivar o consumo nos comercios e establecementos locais de Ames, ademais de axudar á veciñanza a aforrar nas compras durante as festas de Nadal. Pódese consultar as bases do programa na seguinte ligazón.

Como funcionan os Bonos Consuma?
Cada bono ten un valor de ata 50€ para descontar nos establecementos adheridos ao programa, poderanse usar ata o seu esgotamento ou ata que se esgote o crédito dispoñible para a iniciativa. O importe do bono reducirase en función do valor da compra realizada:
- Desconto de 5€ en compras iguais ou superiores a 10€, e inferiores a 30€.
- Desconto de 10€ en compras iguais ou superiores a 30€, e inferiores a 50€.
- Desconto de 15€ en compras iguais ou superiores a 50€.
Descargar o vale é moi sinxelo. En primeiro lugar, é preciso descargar no teléfono móvil a aplicación Wallet. De seguido, deberás rexistrarte dende o teu móbil na páxina web https://www.bonosconsuma.gal/es/client. Tras realizar correctamente o rexistro, recibirás un código de validación por SMS e, despois, xa poderás activar e descargar o teu Bono Consuma en forma de código QR. Unha vez feito este proceso, xa poderás usar o vale nos establecementos que teñan o distintivo Bonos Consuma e, no momento do pago, ensinar o código QR para realizar o desconto.

As tarxetas de desconto “Bonos Consuma” xeran en 10 días un gasto de máis de 185.000 euros e o 75% do orzamento

Multimedia

  • As tarxetas de desconto “Bonos Consuma” xeran en 10 días un gasto de máis de 185.000 euros e o 75% do orzamento