- Tematica
O establecemento de Bertamiráns Máis que louza comeza este 15 de marzo unha campaña de recollida de doazóns de vaixela, que durará ata o 16 de abril. Neste senso, recollerá os aveños e proporcionará un 5% de desconto no establecemento o propio día da doazón. A louza será despois entregada á Concellaría de Benestar Social, que xestionará e repartirá os aportes da veciñanza.
Deste xeito, búscase a colaboración da poboación amesá para sumar ao inventario municipal louza esencial en bo estado, que se poida logo distribuír e repartir entre as persoas que a necesiten.
Con este obxectivo, a tenda Máis que louza colabora coa Oficina do Voluntariado de Ames, recollendo louza e aportándoa a este departamento municipal, que xa xestiona outras campañas de recolección, como de alimentos ou de agasallos.
Dende a tenda indican que recollerán calquera tipo de aveño básico, como potas, tixolas, cazolas, pratos, cubertos, fontes, cuncas ou canecas, que serán xestionados pola Concellaría de Benestar Social.
A louza recollerase no establecemento Máis que louza, situado na Praza da Maía, número 6, local 5, en Bertamiráns. Asemade, as persoas que realicen doazóns gozarán dun desconto do 5% no propio establecemento durante o propio día da doazón. Este desconto non será acumulable a outros descontos da tenda.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Doazón de vaixelas para as familias sen medios"