- Tematica
As Bibliotecas Municipais seguen co seu programa “Encontros Literarios en Ames” coa presentación do libro “En canto a Fraga”, do escritor Alfredo Conde. O acto terá lugar, como é habitual, este xoves 18 de novembro, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañan ao autor os profesores Xosé Antonio López Silva e Xabier Ron, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.
Desta maneira, As Bibliotecas Municipais de Ames continúan, como cada dous xoves, cunha das actividades principais do seu Programa de Animación á Lectura, dirixido a público adulto. O encontro con Alfredo Conde é o terceiro dos catro que se organizan neste trimestre, despois de que pasaran polo Pazo da Peregrina os autores Salvador Lladó e Emma Pedreira. A cuarta e última intervención do curso será a de Xosé Luís Santos Cabanas.
“En canto a Fraga”, editado por Ézaro Ediciones, ten como protagonistas ao propio autor e a súa relación con Manuel Fraga Iribarne, unha das figuras máis relevantes na política galega e española dende o Golpe de Estado franquista. Conde relata, a través de historias, feitos e reflexións, unha amizade que perdurou malia as grandes distancias políticas entre ambos, e que rematou de súpeto e de maneira drástica.
Alfredo Conde (Allariz, 1945) é un escritor e político galego, cunha ampla obra tanto en galego coma en castelán. Entre outros galardóns, foi Premio Nadal no 1991, por “Los otros días”; Premio da Crítica Española 1981 e da Crítica de Galicia 1982, por “Breixo”, ou Premio Nacional de Narrativa no 1986, por “Xa vai Griffón no Vento”. Conde foi deputado no Parlamento de Galicia doce anos, como independente no grupo do PSdeG, do 1981 ao 1993. Ademais, foi conselleiro de Cultura no executivo de Fernando González Laxe, entre os anos 1987 e 1990.
No encontro literario estarán acompañando ao autor dous profesores e tradutores, Xosé Antonio López Silva e Xabier Ron. Ambos son filólogos pola Universidade de Santiago de Compostela, na que realizaron labores docentes e de investigación. Pola súa banda, presenta o acto a concelleira de Cultura de Ames, Natividade González.