Vinte rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos achegáronse esta fin de semana ás tradicións do san Martiño mentres acampaban na Aula da Natureza. Entre o sábado e o domingo prepararon e embutiron chourizos, podaron árbores, plantaron froitos silvestres, descubriron os métodos tradicionais de conservación de alimentos e coñeceron os cambios que achega o equinocio de outono, unha chea de actividades coas que gozaron mentres aprendían sobre as tradicións vencelladas ao san Martiño. Esta actividade enmárcase na programación de outono da Aula da Natureza e que culminará no mes de decembro co obradoiro “Preparando un Nadal sostible” o sábado 4 de decembro.
O frío non puido coa ilusión e coas gañas de pasar unha fin de semana diferente dos vinte participantes na Acampada de san Martiño organizada pola Aula da Natureza. O Departamento dependente da Concellaría de Medio Ambiente organiza cada trimestre un campamento cunha temática distinta para achegar á rapazada á natureza.
A temática desta nova acampada organizada pola Aula da Natureza foi a tradicional festa de san Martiño. O santo protector da matanza, dos trompos e do mes de novembro pero, sobre todo, as tradicións vencelladas a esta época do ano foron as protagonistas desta edición. A actividade deu comezo o sábado ás 16:00 horas cando os vinte rapaces e rapazas chegaron en bus á contorna da Aula da Natureza. Logo da presentación inicial, de dividirse en grupos e montar as tendas comezaron coas actividades.
A rapazada de entre 8 e 16 anos mergullouse na tradición da matanza elaborando chourizos. Picaron a carne para elaborar os chourizos cunha picadora tradicional, adobárona con sal, allo e pemento e deixárona repousar ata o día seguinte. Para completar a xornada asistiron a unha charla onde coñeceron os cambios de luz e temperatura que introduce o equinocio de outono, os métodos tradicionais de conservación dos alimentos coma a salgadura e o afumado e cultivaron bacterias para ver como estragan os alimentos. Tras a cea remataron a xornada cunha andaina nocturna pola “Ruta dos Cabaliños do Demo”.
O domingo a xornada comezou ás 8:30 horas. Tras o almorzo repartíronse en tres grupos para, de xeito rotatorio, desenvolver as distintas actividades. A rapazada rematou co proceso de elaboración dos chourizos, para iso embutiron a carne na tripa e foron atando os chourizos para despois afumalos con madeira de bidueiro e loureiro. Plantaron arandos, framboesas, moras e grosellas na contorna da Aula da Natureza. E, por último, realizaron outra das actividades típicas do outono: a poda. Os rapaces e as rapazas podaron os bidueiros do lugar para estimular o correcto desenvolvemento das árbores e facilitar o seu crecemento. Antes de marchar aínda tiveron tempo para dar un paseo pola carballeira.
Esta actividade enmárcase nas acampadas que cada trimestre organiza a Aula da Natureza. A vindeira saída será no mes de febreiro. Antes e no marco da programación de outono o departamento traballa en “Preparando un Nadal sostible”, un obradoiro de preparación de elementos decorativos de Nadal con obxectos da natureza que se vai desenvolver o sábado 4 de decembro na Aula da Natureza. Ademais, en decembro terán lugar os campamentos de Nadal entre o 27 e o 30 de decembro.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Inmortalizan las tradiciones de la época del San Martiño a golpe de acampada"