- Tematica
O pasado venres 7 de outubro, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) celebrou na súa sede, na Estrada, un acto de recoñecemento ao labor da Policía Local de Galicia, no que se entregaron medallas ao mérito da Policía Local e distintivos aos e ás axentes que cumpren 25 anos de servizo. Neste senso, foron condecorados os oficiais Maximino García Vázquez e Alberto Souto Vázquez, mailo axente José Manuel García Vázquez, da Policía Local de Ames, que recibiron o seu distintivo xunto a outros 140 policías locais galegos.
As instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) na Estrada (Pontevedra) acolleron o pasado venres 7 unha homenaxe ao persoal dos corpos da Policía Local de Galicia. Neste acto de recoñecemento, dezaseis axentes recibiron medallas ao mérito, en honra ás súas actuacións en acto de servizo, mentres que outros 127 policías locais foron condecorados cun distintivo de permanencia, ao cumpriren 25 anos de servizo no corpo.
Este foi o caso de tres membros da Policía Local de Ames, que recibiron este galardón ao facer 25 anos de servizo efectivo, independentemente da súa categoría, e ao non contar con antecedentes desfavorables nos seus expedientes. Deste xeito, os condecorados foron os oficiais Maximino García Vázquez e Alberto Souto Vázquez, mailo axente José Manuel García Vázquez.
No evento, ademais dos 143 axentes locais homenaxeados, tomaron parte o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o director xeral da AGASP, Santiago Villanueva, entre outros representantes de institucións autonómicas e locais, da Policía ou da Garda Civil.
O concelleiro de Administración Xeral e Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, quixo “felicitar ao conxunto do persoal de axentes locais e aos tres membros da nosa Policía Local condecorados, no que é un recoñecemento á vocación de servizo policial, demostrada ao longo destes 25 anos”, e destacou “a importante tarefa dos axentes, a súa implicación, traballo e dedicación”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Condecorados tres miembros de la Policía Local de Ames por sus 25 años de servicio"
El Correo Gallego: "Condecorados tres policías locales por sus veinticinco años de servicio"