Solapas principales

Tres propostas teatrais abren a programación cultural de Ames do mes de outubro

Martes, 26 de septiembre de 2023

O departamento de Cultura do Concello de Ames estrea a súa programación do último trimestre do ano con tres obras teatrais que terán lugar durante o mes de outubro. As propostas terán lugar tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, e diríxense a distintos segmentos de público. As entradas xa se poden atopar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.   

Tras os meses estivais, a Concellaría de Cultura volve a poñer en marcha a súa oferta de artes escénicas para o último trimestre do ano. Inclúense tres espectáculos: Baby Esferic, O auto do Castromil e Apaga o candil. As propostas diríxense tanto ao público familiar como ao adulto, e enmárcanse dentro dos distintos programas nos que participa o Concello de Ames.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “o Concello de Ames ofrece durante os 365 días do ano un programa cultural de alta calidade”, e explica, “no mes de outubro volve a programación de Ames Cultural con tres novas representacións teatrais a cargo das compañías Excéntricas Producións, Contra Producións e Aboon Teatro. Deste xeito, continúase ofrecendo un programa cultural de gran calidade e que terá continuidade ata finais de ano co festival de maxia, FestiMax, durante a última fin de semana de outubro, e co festival de cinema infantil e xuvenil, Cinema Miúdo, no mes de novembro”.

Programación familiar
A primeira das obras é Baby Esferic, de Aboon Teatre, que pasará o día 6 de outubro polo auditorio do Milladoiro. Realizaranse dous pases, ás 18:00 e ás 19:00 horas. O aforo será de 80 persoas por pase. Trátase dunha representación enfocada a crianzas de entre 6 meses e 3 anos, un espectáculo innovador de linguaxe visual que busca espertar a imaxinación de grandes e pequenos. Os espectadores gozarán dunha viaxe con simpáticos habitantes esféricos que lles amosarán a maxia da terra, a ritmo de bebé. Premendo nesta ligazón podes consultar o dossier da obra ao completo. Tras a representación, que dura arredor de 30 minutos, as familias poderán gozar de 15 minutos de interacción e xogo coas personaxes.

Baby Esferic encádrase dentro do programa Camiño Escena Norte, un programa interactivo e cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Cantabria, Euskadi e Navarra, e que o Concello de Ames alberga xunto con outros municipios galegos. Os convites xa poden descargarse, de balde, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Oferta para público adulto
A segunda das propostas desenvolverase tamén o venres 6 de outubro. Trátase da obra O auto do castromil, de Producións Teatrais Excéntricas, que foi merecedora do premio do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. A obra terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. As entradas tamén están dispoñibles xa na Billeteira electrónica, e hai descontos e prezos reducidos para colectivos especiais. O espectáculo enmárcase dentro do convenio do Concello de Ames con AGADIC para o segundo semestre de 2023.

A representación narra unha viaxe onírica a bordo dun coche de liña. Mentres os viaxeiros dormen, as maletas amotínanse, cobran vida e repasan a curiosa historia de Galicia. Empregando autos populares, combaten a amnesia colectiva, e contan a historia dun pobo que loita, é derrotado, que volve a levantar cabeza e que se rebela de novo. En definitiva, trátase dunha obra que emprega o humor e o espírito antroidesco para realizar unha viaxe pola Galicia inconsciente.

Por último, Apaga o candil, un espectáculo coproducido polo festival FIOT e por Contraproducións, chega ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o 20 de outubro, ás 20:30 horas. A entrada é de balde. Nesta obra, o dramaturgo Cándido Pazó achega ao público unha figura clave da tradición popular: Carlos “O Xestal”, un contador, músico e activista. A representación está financiada pola Deputación da Coruña.

O tempo da ficción dramática sitúase no intre no que “O Xestal” se atopaba entre a vida e a morte, antes de falecer aos 59 anos. A peza toma como punto de inspiración estrutural e argumental os clásicos contos da visita da morte, unha tipoloxía de historias tradicionais universais que responden a un esquema máis ou menos semellante: un personaxe topa coa morte que lle vén anunciar que o seu final é inminente; o personaxe fai todo o que pode por enganar a morte e librarse do seu lúgubre designio, afán que acaba por resultar fatidicamente inútil. Na tradición galega este tipo de contos tenden a estar revestidos por unha pátina de humor e retranca que relativizan o seu carácter.

Xa no plano persoal, o espectáculo tocará a cuestión da autoestima, da necesidade de recoñecemento e notoriedade, así como da relativización do compromiso cívico. Tamén os conflitos derivados da insatisfacción creativa e vital, ou da aceptación, por un mesmo e polos demais, da propia identidade nos seus aspectos máis íntimos. No plano colectivo especularase sobre a dificultade histórica (asumida, fomentada ou herdada) das clases populares galegas para prestixiaren as súas manifestacións características e, como consecuencia, prestixiárense nelas; e sobre o perigo de se instalaren nunha ollada choqueira ou esterilmente folclorizada dos elementos que definen a tradición, entre eles as artes e, nomeadamente, a lingua.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames inicia su programación de octubre con tres espectáculos teatrales"

Lindeiros: "Ames acollerá en outubro tres obras de teatro"

Imaxe da representación de O auto do Castromil

Multimedia

  • Cartaz da obra Baby Esferic
  • Cartaz da obra O auto do Castromil
  • Cartaz da obra Apaga o candil