Solapas principales

Tres proxectos aprobados na segunda sesión do Consello Sectorial de Nenas e Nenos

Lunes, 21 de febrero de 2022

O pasado mércores 16 de febreiro celebrouse a segunda reunión do Consello Sectorial de Nenas e Nenos, no que vinte rapaces e rapazas, representadas polas súas voceiras e vicevoceiras elixidas no anterior foro de participación, expuxeron as súas iniciativas e proxectos. O Consello acordou a posta en marcha de tres propostas, unha no ámbito do concello e dúas máis en materia de cooperación internacional. “Agora toca poñerse a traballar”, sinalou a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, que gabou “a madurez e o traballo en equipo” dos participantes.

A segunda xuntanza do Consello Sectorial de Nenas e Nenos celebrouse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, na tarde do pasado mércores 16. As voceiras e vicevoceiras, escollidas no foro de participación infantil de finais de xaneiro como representantes dos seus centros educativos, expuxeron nesta sesión as propostas dos seus respectivos grupos, nas que destacaron as temáticas relacionadas co coidado do medio ambiente e da contorna.

Os nenos e nenas aprobaron case unanimemente os tres proxectos que acabaron por propoñerse, xuntando varias propostas relacionadas de varios grupos de traballo. As iniciativas, dúas dirixidas ao ámbito da cooperación internacional e outra ao ámbito municipal, recibiron o voto a favor de todas as participantes, agás por unha abstención.

Ademais destes proxectos, aprobouse unha modificación do regulamento que permite asistir ás sesións todos os nenos e nenas inscritos, e non só os vogais que figuran como representantes de cada centro educativo. Por outra banda, a aprobación da acta da sesión anterior quedou aprazada para a seguinte convocatoria, ao pedir un dos participantes que se engadiran partes do debate non recollidas.

Por último, e antes de rematar a sesión, na quenda de rogos e preguntas, as participantes tiveron a oportunidade de comentar máis en detalle as propostas realizadas nos seus centros educativos, así como de realizar cuestións, comentarios, queixas e suxestións sobre zonas de ocio, equipamentos deportivos, carrís bici, ou mesmo desperfectos nalgúns parques infantís.

Acompañando aos mozos voceiros e vicevoceiros, asistiron, en representación da corporación municipal, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, en calidade de Presidenta do Consello; o coordinador de Voluntariado e Secretario do Consello, Rubén Ramos, e catro vogais en representación dos grupos políticos municipais: Quique Costas, do Grupo Mixto; Genma Otero, de Contigo Podemos; Pablo Beiroa, do Partido Popular; e Beatriz Martínez, do PSdeG-PSOE.

Na reunión, os representantes políticos puideron ver “a madureza, a participación e o traballo en equipo” dos nenos e nenas, segundo a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, que tras quedaren aprobados os tres proxectos dos nenos e nenas sinalou que agora “toca poñerse a traballar”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "La cooperación internacional le hace tilín a los niños del Consello Sectorial"

Tres proxectos aprobados na segunda sesión do Consello Sectorial de Nenas e Nenos

Multimedia

  • Tres proxectos aprobados na segunda sesión do Consello Sectorial de Nenas e Nenos
  • Tres proxectos aprobados na segunda sesión do Consello Sectorial de Nenas e Nenos
  • Tres proxectos aprobados na segunda sesión do Consello Sectorial de Nenas e Nenos