- Tematica
Ao igual que en 2022 o concello de Ames acollerá a saída dunha das etapas da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño. Neste caso, en 2023, acollerá a saída da cuarta e última etapa. Será unha contrarreloxo entre O Milladoiro e a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. A cita será do 23 ao 26 de febreiro, con catro etapas, unha por provincia, e xa está confirmada a participación do Team Movistar e do Jumbo Visma co vixente campión do Tour, Jonas Vingegaard.
Esta mañá presentouse na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, a última etapa da volta ciclista O Gran Camiño. En dita presentación estiveron o alcalde de Ames e deputado provincial, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o responsable da proba, Ezequiel Mosquera, o exciclista e padriño da proba, Óscar Pereiro, e mailo exciclista, José Angel Vidal.
Ademais de deporte e promoción do territorio, O Gran Camiño será na súa segunda edición un trampolín do patrimonio galego, ao que dedicará moitas chiscadelas no seu percorrido, empezando pola saída e a chegada a dúas contornas Patrimonio da Humanidade da Unesco polos que pasa o Camiño de Santiago. Tras saír da muralla romana mellor conservada do mundo, a de Lugo, e pasar polas provincias de Pontevedra e Ourense, a gran rolda galega terá o seu final na praza do Obradoiro de Santiago, declarada tamén patrimonio xunto co conxunto histórico da cidade e a propia Catedral.
Así o desvelaron este xoves os seus responsables, na presentación da última etapa do Gran Camiño, que será para a provincia da Coruña, con inicio no parque empresarial Novo Milladoiro, no concello de Ames, e chegada en Santiago de Compostela. “Esta é case a cidade que lle dá sentido a todo”, dixo durante o acto o responsable da proba, Ezequiel Mosquera, que considerou “moi especial” esta etapa que “terá como final esta praza na que estamos hoxe”, en referencia ao Obradoiro.
A volta contará así moito da historia galega para proxectala ao mundo: “arrincaremos da Muralla de Lugo, iremos ao Trega, onde está a orixe de Galicia, iremos ata Valdeorras, a apoiar aos afectados polos incendios, e acabaremos na cidade que lle dá sentido a todo”, explicou Mosquera, que lembrou que a proba, desde o seu propio nome, “vai máis aló dunha volta ciclista”.
Con este percorrido, as catro provincias galegas estarán “proxectadas no Camiño dos Camiños” e percorridas por un pelotón con nomes de primeiro nivel como o do gañador do último Tour de Francia, Jonas Vingegaard.
Na mesma liña, o exciclista galego Óscar Pereiro, padriño da proba, eloxiou o éxito da primeira edición do Gran Camiño e augurou que se superará este, mentres que destacou a capacidade do ciclismo para “difundir unha terra que 'es la leche'”, en referencia a Galicia.
Territorio ciclista
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, confirmou durante a presentación da etapa o apoio da institución provincial a esta rolda e ao recoñecemento da Coruña e de Galicia como “territorio ciclista”. “É unha proba que soa moito e está aquí para quedar”, explicou González Formoso, que confiou en que permita dar a coñecer ao mundo os recunchos máis espectaculares desta provincia.
No acto de presentación participou o alcalde de Ames e deputado provincial, Blas García, que destacou o arranque no parque empresarial Novo Milladoiro, onde teñen a súa sede empresas punteiras de sectores como o tecnolóxico ou o audiovisual. A continuación, García reivindicou que o seu municipio é único de Galicia polo que “pasan tres camiños de Santiago”.
Finalmente, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que esta volta transmitirá a todo o mundo “unha imaxe fantástica e preciosa do noso país” nun ano que, ademais, xa non será Ano Santo, co que se incrementa a importancia de difundir os recunchos galegos.
Catro etapas
Tras o absoluto éxito da primeira edición, O Gran Camiño 2023 quenta motores para unir de novo deporte, turismo e promoción do territorio nun evento que xa apunta maneiras, tendo en conta que xa está confirmada a participación nel do Team Movistar, que busca revalidar o protagonismo do que gozou o ano pasado, e do Jumbo Visma, o equipo número 1 do mundo, que acudirá co vixente campión do Tour, Jonas Vingegaard, á cabeza.
En total, O Gran Camiño serán catro etapas, entre o 23 e o 26 de febreiro, unha por cada unha das provincias galegas. Con iso, os organizadores buscan sumar ao propio espectáculo do ciclismo profesional internacional a promoción do territorio, outorgando a cada provincia e á súa singularidade o espazo que se merece.
Nesta edición, o arranque será en Lugo, con inicio na Muralla Romana da capital provincial e final en Sarria; para pasar despois á etapa de Pontevedra, que arrincará na histórica cidade de Tui para subir ao alto inédito en ciclismo profesional de Santa Trega. A etapa reina, unha vez máis, será en Ourense, con inicio en Esgos e final en Valdeorras, para render homenaxe aos territorios afectados polos incendios. Para concluír, A Coruña estará representada por unha etapa contrarreloxo entre o parque empresarial Novo Milladoiro e a praza do Obradoiro, en Santiago.
O Gran Camiño permitiu o ano pasado que as paisaxes galegas chegasen a millóns de espectadores de todo o mundo a través das súas canles de difusión e, principalmente, da emisión de Eurosport, constituíndo unha auténtica “xanela ao mundo” para Galicia. Tamén nas estradas, devolveu aos galegos a posibilidade de gozar dunha volta ciclista profesional 20 anos despois da última Volta a Galicia destas características.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "O Gran Camiño concluirá su etapa contrarreloj en la Praza do Obradoiro el 26 de febrero"
El Correo Gallego: "La vuelta ciclista O Gran Camiño concluirá en la Praza do Obradoiro"
Lindeiros: "A volta ciclista 'O Gran Camiño' pasará por Ames e Compostela"