Solapas principales

Últimos días para presentar as solicitudes da convocatoria de axudas a familias numerosas

Lunes, 14 de agosto de 2023

O Concello de Ames destina 100.000 euros para axudar ás familias numerosas do municipio, que poderán chegar a recibir ata 1.200 euros por unidade de convivencia familiar. O domingo 20 de agosto será a data límite para poder realizar o trámite a través do Rexistro telemático da sede electrónica do Concello de Ames, xestión que tamén se poderá realizar de forma presencial nas oficinas municipais de Milladoiro ou nas do Concello.

O Concello de Ames, a través da concellería de Benestar Social, volveu convocar, un ano máis, a subvención a familias numerosas. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, reivindica a vontade do Concello de Ames de “axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza”.

Esta axuda ten tres obxectivos fundamentais: o apoio económico destas unidades familiares, a fixación de poboación e a continuidade do crecemento demográfico do concello. Neste senso, pode optar a ela quen teña fixada a súa residencia habitual en Ames con polo menos un ano de antigüidade ininterrompido, e cumpra cos criterios de familia numerosa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou doutros organismos similares doutras comunidades autónomas.

Como máximo, cada unidade de convivencia poderá recibir ata 1.200 euros, dependendo da renda e da cantidade de membros da familia. Deste xeito, as familias solicitantes non deberán superar os 14.108,01€ anuais, no caso de teren 3 fillos; os 16.734,20€ no caso de teren 4; os 18.990,57€ de teren 5; os 21.168,97€ de teren 6; os 23.227,84 de teren 7; e os 25.274,65 de teren 8. As familias con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 1.803,73 adicionais por membro.

No caso de que un dos proxenitores se atope traballando fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e non figure empadroado no municipio de Ames, deberá acreditalo con copia do correspondente contrato de traballo e calquera outro documento que acredite a residencia efectiva. No caso das familias monoparentais, só se requirirá o empadroamento, dun ano de antigüidade, do pai ou nai que teña a custodia das fillas ou fillos. Esta condición tamén se lle aplicará ás titoras e titores de menores de idade.

De ningunha forma poderán ser beneficiarias destas axudas persoas privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos. Cando un/unha mesmo/a menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, a axuda só será concedida á persoa que ostente a custodia.

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse ata o 20 de agosto a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas na Casa do Concello e na oficina municipal do Milladoiro. Tamén se poden presentar a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Ao pé desta nova podes consultar as bases da convocatoria ao completo. Premendo nesta ligazón podes acceder ao trámite de axudas a familias numerosas.

Imaxe de familias numerosas